Sportur Galicia o 19 e 20 de novembro en Expourense

Exposición de stands e xornadas técnicas profesionais
Expourense celebrará en novembro o Sportur Galicia.

Ourense | O turismo deportivo é, xunto coa paisaxe e a gastronomía, unha das principais motivacións que atraen turistas a Galicia, unha comunidade que ten un gran potencial en ambos Eidos.

Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo terá o obxectivo de posicionar a Galicia como destino activo contribuíndo así á desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade á nosa comunidade a través do deporte e contando ademais coa vantaxe de que os recursos naturais están repartidos por todo o territorio galego.

A cuarta edición deste salón celebrarase os días 19 e 20 de novembro de 2021 en Expourense e servirá de antesala para o gran Congreso Internacional de Turismo Deportivo que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia organiza para o mes de xuño de 2022 e que se celebrará no recinto feiral ourensán.

O comité asesor de Sportur Galicia reuniuse para establecer as pautas do que será a vindeira edición que teráa lugar uns días antes do comezo do calendario de competición de atletismo desta tempada e que arrinca coa celebración do trixésimo segundo Campionato de España Master en Pista Cuberta (26 a 28 de novembro).

Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, comentou os principais cambios que vai sufrir este salón derivados das restriccións impostas pola pandemia. “A última edición de Sportur Galicia celebrouse no 2019. As cousas cambiaron tanto que resulta complicado pensar na posta en marcha dunha edición semellante, con centos de deportistas realizando exhibicións e torneos no salón.

Agardamos poder pronto volver a iso, pero polo momento temos que ser cautos e pensar nunha edición máis contida, pero sen renunciar ao obxectivo fundacional desta cita: posicionar a Galicia como destino idóneo, e seguro, para o turismo deportivo e activo”.

A edición deste ano de Sportur Galicia contará cun área expositiva na que participarán destinos de España e Portugal nos que o turismo activo xogue un papel fundamental e tamén as distintas federacións que componen este comité e queiran aproveitar para visibilizar o traballo que realizan durante todo o ano captando así novos deportistas potenciais.

Esta exposición de stands complementarase cunhas xornadas técnicas máis profesional, en formato híbrido, que abordarán a actualidade do sector analizando: as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo; os protocolos de seguridade e boas prácticas ou o aproveitamento das oportunidades que os cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro, logo da pandemia, abriron para estes sectores.