‘Sendeiac’ no río Tea

Actividade que combina sendeirismo e descenso en caiac

Ponteareas | Unha das actividades de maior interese para as mozas e mozos volve neste verán a Ponteareas por iniciativa da Concellaría de Mocidade. Trátase do “sendeiac”, unha actividade que combina unha pequena ruta de sendeirismo pola beira do Tea cun descenso en caiac polo río para regresar ao punto de partida.

A actividade, que terá lugar o vindeiro martes 9 de agosto dende as 16:30 horas, vai dirixida a rapaces e rapazas maiores de 12 anos que, no caso de ser menores de idade, deben ir acompañados dunha persoa adulta. As e os interesados poden xa inscribirse enviando un correo electrónico a mocidadeviva@ponteareas.gal.

O Concello bonifica unha parte do custo desta actividade, que terá un prezo final para as persoas participantes de 15 euros e incluirá todos os materiais necesarios para realizala, así como os seguros necesarios e os monitores que guiarán aos participantes.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, destacou “o elevado interese que se vén producindo polo sendeiac dende que o programamos por vez primeira. O noso obxectivo é que a mocidade sexa protagonista, tamén na toma de decisións, polo que decidimos seguir apostando por esta actividade tan demandada”.

O edil tamén destacou a importancia deste tipo de actividades, xa que “supoñen unha alternativa de lecer saudable ligada ao coñecemento do medio natural”.

Esta proposta forma parte de “Mocidade Viva”, un programa estábel que ofrece durante todo o ano actividades lúdicas e formativas dirixidas á mocidade, ofrecéndolles espazos de lecer e socialización seguros e saudábeis.