Proba de motocros en Lugo para o Campionato de España

O Circuíto Jorge Prado será os días 25 e 26 de febreiro

Lugo | O circuíto Jorge Prado acollerá os vindeiros días 25 e 26 de febreiro a proba puntuable para o Campionato de España de MotoCross, co apoio da Xunta de Galicia, que se comprometeu a axudar económicamente para levar a cabo a dotación da infraestruturas necesarias, despois de varias reunións cos integrantes do Club Motopark Lugo.

A última contou coa asistencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para concretar os termos do convenio de colaboración que en breve asinarán a citada consellería co club deportivo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o compromiso da Xunta de Galicia para a construción do circuíto situado na parroquia lucense de Teixeiro, de cara a albergar unha proba do Campionato de España de MotoCross. A axuda do Goberno galego tamén é clave para a dotación das infraestruturas que deben acompañar ao trazado, para que esta proba de alto nivel cumpra todas as esixencias e sexa puntuable na máxima categoría da competición nacional de MotoCross.

Arias Fouz tamén destacou o feito de que Concello e Deputación de Lugo responderan á chamada da Xunta de Galicia para colaborar neste proxecto, no que consideramos que temos que estar involucradas todas as administracións. De feito, desde un primeiro momento, o Goberno galego traballou cos integrantes do Club Motopark Lugo, para que o circuíto que leva o nome do piloto lucense sexa a partir de agora un novo trazado a ter en conta nas distintas competicións nacionais e internacionais.