Primeiro Trail de Allariz o 25 de setembro

As inscricións poden realizarse ata o día 21

Allariz | O Concello de Allariz organiza o I Trail de Allariz o próximo domingo 25 de setembro na que haberá dúas distancias. Un percorrido de media maratón, que terá saída ás 09.00 horas, ou unha distancia curta, de 13 qms, con saída ás 09.30 horas dende o Campo de Vilanova, xunto ás piscinas municipais. Todas as persoas participantes deberán pasar polo control de dorsais antes de iniciar a proba.

As inscricións poden realizarse ata o 21 de setembro a media noite cun custo de 17 euros, os dorsais poderán recollerse o xoves 22 e o venres 23 de setembro entre as 15.00 e as 20.00 horas ou o sábado 24 en horario de mañá, desde as 09.00 horas ata as 13.30 horas, na piscina municipal de Allariz, así como o propio día da proba unha hora antes da saída, así nolo explicaron os técnicos responsables da Área de Deportes municipal Roberto e Javi.

Durante a presentación da proba, Bernardo Varela, tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, resaltaba “a importancia desta nova proba en Allariz, xa que este evento percorrerá parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz, así como parte do Camiño de Santiago que pasa polo Concello. Todas as persoas que se acheguen a participar gozarán dun escenario natural inmellorable”.

Todas as persoas interesadas poden consultar toda a información sobre a proba na páxina www.allariz.gal/traildeallariz/ .