Presentado o primeiro Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego

Iniciativa pioneira en España do diario Quepasanacosta
O primeiro Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego é unha iniciativa pioneira en toda España, desenvolta polo diario da Costa da Morte Quepasanacosta.

A Coruña | Este 21 de decembro de 2021, o Centro Ágora da Coruña acollía o nacemento do primeiro Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego. Unha iniciativa pioneira en toda España, desenvolta polo diario da Costa da Morte Quepasanacosta, a empresa especializada Sportcrom, coa colaboración de Rocío Candal, que trata de “afianzar, máis que impulsar, a revolución do #Futfem a nivel mundial dende a nosa esquina do occidente europeo”, como explicaba Ubaldo Cerqueiro, responsable do diario costeiro.

Un centenar de persoas, nomeadamente moitas das protagonistas, achegáronse para ver nacer este singular proxecto que converte en estrellas 600 xogadoras de 26 equipos do fútbol galego (dende o Dépor Abanca da Reto Iberdrola, pasando polos equipos de 1ª Nacional e 1ª Galega, ademais dos equipos do Fútbol da Costa da 2ª Galega), así como as árbitras das categorías.

Tamén teñen o seu espazo as estrellas que xogan na Liga Iberdrola e nas Ligas Internacionais, como Vero Boquete, a xogadora do AC Milán, que dá imaxe ao álbum. Unhas estrellas que servirán de espello para que as nosas rapazas non teñan que fixarse sempre nos Messi ou Mbappé.

A Gala convertiuse unha viaxe temporal pola historia do Fútbol Feminino coruñés, focalizando nas experiencias vividas no Club Karbo e no Club Sal Lence, dous dos pioneiros na materia que ademais foron referentes a nivel estatal nos anos 80 e 90. Rocío Candal moderou a primeira mesa que contou con Lis Franco, a xornalista histórica xogadora do Karbo.

Ao seu carón, a Concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez; a Deputada de Igualdade e Normalización da Deputación da Coruña, María Muíño; e o Deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra Gorka Gómez, explicaron por que apoiaron dende o comezo o proxecto, coa adquisición de packs de álbum e cromos para repartir entre as novas xeracións de cada territorio.

Trala actuación da humorista corcubionesa Marta Doviro, que nos deleitou con algunhas das súas futboleiras “Historias dunha rapasa Costa”, Rocío Candal moderou a segunda mesa-debate, xa enfocada ao fútbol actual, con Iria Santos, xogadora do Victoria CF, e Beatriz Cuesta Arribas, árbitra de Liga Iberdrola (a capitana do Dépor Abanca Alba Merino non puido asistir polo positivo que tivo o equipo esta pasada fin de semana, que provocou o confinamento de todas as xogadoras).

Ao remate, as xogadoras protagonistas presentes recibiron o seu álbum (o resto serán entregados a través dos clubs), e xa puideron comprar os primeiros sobres e intercambiar as primeiras repes. Serán os propios clubs os que xestionen a venda dos cromos, e ademais a organización conta cun correo para facer pedidos (albumfutfemgalego@gmail.com).

O proxecto conta coa colaboración de entidades como a Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Coruña, o Concello de Carballo, o Concello de Mazaricos, o Concello de Malpica, o Concello de Santa Comba, a Real Federación Galega de Fútbol; ou de empresas como Productos Cárnicos Domínguez, Saunier Duval, Artio, Centro Comercial Finisterrae, Oe+, Estación de Servio Bazarra, O Semáforo de Fisterra e o Hotel Faro de Lariño.