Ponteareas, sede do Campionato Galego de Longa Distancia de natación

Este 12 de decembro, con máis de 80 deportistas
Presentación do evento co concelleiro de Deportes Miguel Bouzó, ao centro.

Ponteareas | Ponteareas volve ser unha vez máis sede dunha das probas de natación máis importantes do panorama deportivo. Este domingo 12 de decembro o complexo deportivo Álvaro Pino acollerá ás e aos mellores fondistas de Galicia coa celebración do Campionato Galego de Longa Distancia, unha proba que reunirá a arredor de 80 nadadores e nadadoras de alto nivel, entre os que destacan María de Valdes ou Paula Otero, nadadoras internacionais en augas abertas e en piscina coa selección española, ou Iria Lemos, medalla de bronce infantil no último campionato de España de augas abertas.

Unha vez máis “temos na nosa vila moito máis que deporte, xa que sempre se xeran grandes sinerxías a nivel económico e turístico e incluso de participación nas actividades organizadas dende o Concello, e iso é algo ao que sempre lle debemos dar pulo”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. O edil quixo agradecer o traballo desenvolvido polo Club Natación Ponteareas na organización desta e doutras probas na vila “sempre con eses valores e cunha amplitude de miras que favorece non só ao deporte, senón tamén ao conxunto da veciñanza”.

O concelleiro tamén quixo felicitar ao club “por ser punteiros a nivel tecnolóxico, o que nos permite seguir todas as competicións a través das redes e con medios propios”, así como agradecer a implicación tamén da Federación Galega de Natación e das entidades privadas “que fan posible este tipo de encontros e que sigamos remando xuntos para converter a Ponteareas en sinónimo de natación”.

En sesión de mañá, a partir das 11.00 horas, disputaranse as probas de 2.000 m infantil, mentres que pola tarde a partir das 17.00 horas desenvolveranse as probas de 3.000 m júnior e sénior. Aínda que o campionato estará aberto ao público de forma presencial cun aforo de 100 parazas para garantir a seguridade e saúde de todas e todos, tamén poderá seguirse vía streaming a través da canle de Youtube do equipo ponteareán.

O presidente do club, Andrés Carrera, valorou o impacto que terá para Ponteareas esta nova competición, “unha das 10 que adoitamos organizar e que traen á vila cada ano arredor de 1.500 deportistas, dos que máis do 75% son de fóra do municipio”. Tamén quixo agradecer a colaboración do Concello, da Federación e das entidades privadas para celebrar este campionato galego “no que as mellores nadadoras e nadadores de longa distancia buscan puntuar para o Campionato de España que se celebrará a finais de xaneiro”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, salientou que o campionato de longa distancia “é a base da competición en augas abertas, na que Galicia e sobre todo Ponteareas é potencia estatal. Animamos a toda a veciñanza a que goce deste campionato, que sempre ten algo especial porque nel podemos ver aos nosos maratonianos”.

Durante o acto de presentación o presidente da Federación tamén amosou o seu malestar ante os cambios anunciados na piscina municipal da Cañiza, que eliminará un dos vasos e reducirá o fondo da piscina grande quedando a un nivel profundo de 1,30 e 1,20 m, limitando a práctica deportiva profesional e restando servizos aos usuarios e usuarias.

Aberto o prazo para as subvencións para agrupacións e clubs deportivos de Ponteareas
Xa está aberto o prazo para tramitar as subvencións para agrupacións e clubes deportivos sen ánimo de lucro que cada ano concede o Concello de Ponteareas. As entidades interesadas poderán presentar a documentación solicitada durante 10 días naturais a contar dende este mesmo xoves 9 de decembro.

“Con esta convocatoria pública en concorrencia competitiva buscamos apoiar aos distintos clubs deportivos federado da vila, garantindo os principios de equidade e transparencia e potenciando o deporte, a creación de canteiras deportivas e formas de ocio alternativo”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

Cun orzamento de 50.000 euros, o Goberno municipal convoca de forma anual estas subvencións, incrementando ademais nos últimos anos a dotación orzamentaria para dar un maior pulo á práctica deportiva.

Entre as novidades deste edición está a incorporación ás bases dun novo criterio puntuable para os clubs que participaron en competicións oficiais durante a crise sanitaria da COVID-19, que “nos permite poñer en valor o esforzo que fixeron moitas entidade durante a pandemia para continuar co deporte nunha época tan complicada, contribuíndo así ao benestar físico, mental e emocional dos ponteareáns e ponteareás”.

“O deporte é un elemento fundamental na formación integral e na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e favorece a cohesión social, para a que é fundamental a actividade que desenvolven as nosas asociacións e clubs deportivos”, recalca o edil.

Ademais, entre outros aspectos, tamén destaca a importancia que se lle dá nas bases á promoción do deporte feminino ou á cláusula social pola que as entidades deportivas con deporte base que concorran a estas subvencións se comprometen a reservar o 20% das prazas por clase gratuítas para menores de 16 anos con proxenitores parados de longa duración, fillos de mulleres incluídas en programas de acollemento por violencia de xénero ou procedentes de situacións de risco social.

Tamén se terá en conta o nivel de competición regular do equipo, o número de licencias federativas, a participación en campionatos nacionais ou internacionais, o número de licencias de menores de 18 anos participantes en competicións de categoría base, os gastos derivados do mantemento das instalacións ou da adquisición de material, os gastos por persoal laboral ou adestradores e adestradoras e a antigüidade da entidade, entre outros.