Ponteareas, etapa final da XX Volta Ciclista a Galicia

A vila acolle o vindeiro 18 de setembro a saída e meta dunha ruta de máis de 125 km

Ponteareas | A Volta Ciclista a Galicia chega á súa XX edición con catro novas etapas e 600 quilómetros dun percorrido que, un ano máis, pasará por Ponteareas. A vila será a protagonista da etapa final da proba, que terá lugar o vindeiro domingo 18 de setembro cunha ruta de 125 km con saída e meta dende o centro urbano ponteareán.

Todo un orgullo para o municipio, xa que, como sinalou na presentación da etapa a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “Ponteareas é vila ciclista por excelencia, berce de grandes referentes. Ter a honra de ser neste 2022 a etapa final desta proba vaime permitir recoñecer o traballo e esforzo da Federación Galega de Ciclismo, coa que traballamos man a man durante todo o ano para promocionar este deporte na vila. Pero tamén servirá para poñer en valor os recursos turísticos e os espazos naturais excepcionais dos que dispoñemos”.

Pola súa banda, o presidente da Federación, Juan Carlos Muñiz Nieto, salientou a relevancia de que sexa Ponteareas “vila natal dos irmáns Rodríguez, de Álvaro Pino ou de Borja Gómez Méndez, onde coroemos a todos os gañadores”. A Volta a Galicia é unha proba xa consolidada como unha das roldas de preferencia no calendario deportivo e no que “o espectáculo e a calidade están garantidos”.

Un evento que a Federación prepara cada ano con mimo e que nesta ocasión renderá homenaxe ao recentemente finado Magín Froiz, “unha desas figuras históricas, insubstituíbeis pola paixón e o apoio ao noso deporte durante décadas que perdemos este ano. A súa empresa leva 34 anos apostando polo ciclismo, polo que é de xustiza dedicarlle esta edición e que a Volta arranque na súa casa en Poio”, asegurou Jacobo Ucha Rodríguez, director da proba.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo aproveitar a presentación da etapa final para “agradecer á Federación que conte con Ponteareas por segundo ano consecutivo. Sabemos que os veciños e veciñas da vila amosarán todo o seu cariño e entrega nestas xornadas, como non pode ser doutro xeito nunha localidade que é piar fundamental para o ciclismo galego”.

A Volta Ciclista a Galicia, que se disputa na categoría elite-sub23, celebrarase entre o 15 e o 18 de setembro con 18 equipos que percorrerán toda a comunidade galega saíndo de Poio, Taboada, Manzaneda e Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos