Ourense arrincará a “Ceratizit Challenge by Vuelta 21”

A partir do 2 de setembro

Ourense | A “Ceratizit Challenge by Vuelta 21” arrincará o próximo 2 de setembro na provincia de Ourense e percorrerá por primeira vez na súa historia a comunidade autónoma de Galicia. A carreira, unha das máis importantes do calendario WorldTour feminino, segue gañando peso e incorpora este ano unha nova etapa ao seu percorrido, para un total de catro días de competición.

A presentación oficial do percorrido tivo lugar na Estación de montaña Cabeza de Manzaneda (Ourense) que terá unha enorme presenza na carreira. Este porto galego acollerá tres saídas e unha meta da proba.

En total, catro etapas moi diferentes, entre as que se inclúen dúas esixentes xornadas de media montaña, unha cronoescalada de 7,3 quilómetros e unha última etapa en chairo, con previsible final ao sprint na capital galega, Santiago de Compostela. Esta última etapa disputarase o 5 de setembro, coincidindo co final da Vuelta 21 na Praza do Obradoiro.

As mellores corredoras do mundo daranse cita na carreira española máis importante do calendario ciclista feminino. Farano para tratar de desbancar á alemá Lisa Brennauer, do equipio Ceratizit- WNT Prol Cycling, vixente gañadora das dúas últimas edicións da carreira.

A Vuelta 21 comezará cunha etapa que sairá da Estación Invernal Cabeza de Manzaneda e finalizará na localidade da Rúa. Un día íntegro na provincia de Ourense, cuxo percorrido supera o 118 qms. e que inclúe un paso polo Alto de Portela, de primeira categoría.

Cabeza de Manzaneda consolidará o seu protagonismo acollendo a totalidade do segundo día de competición. A estación de montaña será o lugar elixido para a primeira cronoescalada da historia da carreira. Un total de 7,3 qms. de subida que suma un desnivel acumulado de 424 metros.

A carreira despedirase na súa terceira etapa da estación ourensá e poñerá rumbo cara a Pereiro de Aguiar. Case 108 qms. de terreo rompepiernas, con dous portos, de 3ª e 2ª categoría, respectivamente. Clásica etapa galega que non dará nin un metro de descanso ao pelotón.

Por último, e como vén sendo tradición, a proba terminará cun final ao sprint que, por primeira vez non terá lugar nas grandes arterias do centro de Madrid, senón que sairá das Pontes e terminará en Santiago de Compostela. A histórica Praza do Obradoiro vivirá o último día de competición e vestirá aos dous campións coa Vermella. Primeiro, á gañadora da 7ª edición da Ceratizit Challenge by Volta 21 e, unhas horas máis tarde, ao gañador da 76ª edición da Vuelta a España, que tamén se coroará ese 5 de setembro, tras unha última loita contra o crono que promete emoción ata o último segundo.