O R.C.D Celta de Vigo presenta en Mos o seu proxecto “Galicia Sports 360”

Referente internacional e pioneiro en España

Mos | “Isto de verdade sí que é un empuxe definitivo, é un antes e un despois para Mos e para as parroquias que van albergar este gran proxecto deportivo pioneiro en España e que só hai outros 3 do mesmo nivel en París, Londres e Berlín. Demostrando unha vez máis que somos un Concello estratéxico, que xa non somos un Concello de paso.

Afouteza viu para quedarse e só ten un camiño que é crecer, dando servizos a Galicia, á Área Metropolitana e a Vigo”. Así valoraba Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, a rolda de prensa de presentación por parte do presidente, Carlos Mouriño, do proxecto estratéxico e referente internacional: Galicia Sports 360.

O proxecto exposto, de interese autonómico, convertirase na Factoría do Deporte Galego, tratándose dun centro integral para a capacitación da industria do deporte, cun centro de tecnificación avanzada para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo do deporte. Un centro que albergará ademais a Universidade do Deporte.

Sobre esta gran noticia a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “a gran transformación e o ‘boom’ en materia de novas dotacións e equipamentos que suporá este novo proxecto”.

Así mesmo Arévalo salientou as características deste novo proxecto céltico “que contará cunhas instalacións de 299.000 m2 de superficie e no que o clube fará un investimento estimado de 70 millóns de euros. Ao tempo que creará emprego: 200 postos de traballo”.

Deste xeito a Cidade Deportiva Afouteza continuará crecendo con esta Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que contará con catro campos de fútbol de herba natural, tres campos de fútbol de herba artificial, dous campos de fútbol sete, campo de preparación de porteiros e área de tecnificación, instalacións para os equipos de categorías profesionais e para a canteira: vestiarios, ximnasios, zona de fisioterapia, zona de recuperación, espazos de traballo para os corpos técnicos…, instalacións para albergar pistas de padbol, pista de arena multiusos (futvoley, voley praia…) e para a práctica doutros deportes (tenis, pádel…), instalacións que se incorporarán nun pequeno centro de ocio deportivo temático aberto ao conxunto da sociedade e residencia deportiva para a canteira e concentracións do primeiro equipo así como para os programas de formación intensivos.

O Centro de Tecnificación Avanzado para o Deporte contará cunha superficie edificable de aproximadamente 98.000 m2 repartida en tres edificios que albergarán: Universidade do deporte na que participará a Fundación RC Celta e Universidades públicas ou privadas para ofertar programas e titulacións propias. Centros de ciclos formativos de Grado Superior vinculados á medicina e o mundo deportivo con convenios con outros centros privados. Centro de alto rendemento médico orientado a readaptación e rehabilitación deportiva (CARM). Centro Tecnolóxico da Innovación no deporte. Centro Demostrador de Tecnoloxía. Lobby empresarial do deporte e Club de inversores. E centro de eventos e conferencias.

A área de servizos contará cunha serie de servizos para o afeccionado, clubs visitantes, etc. Como o Edificio Arena, para eventos deportivos, con capacidade para ata 10.000 espectadores. Servizos de restauración, ocio deportivo e tendas de merchandising complementarios. E hotel para diferentes programas deportivos desenvoltos no complexo.
Ademais o proxecto inclúe áreas de aparcamento con capacidade para uns 2.500 vehículos e espazos libres naturais.

Foto propiedade: R.C.D Celta de Vigo.