O Porriño será a saída da volta ciclista “O Gran Camiño”

Do 24 ao 27 de febreiro, tras dúas décadas de suspensión
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu na presentación oficial da proba.

O Porriño | O Porriño dará o pistoletazo de saída da proba deportiva que recuperará unha volta ciclista profesional en Galicia tras dúas décadas de suspenso, “O Gran Camiño”.

O que será un dos maiores eventos deportivos do ano na comunidade galega disputarase entre o 24 e o 27 de febreiro e constará de catro etapas, unha por cada provincia, asegurando espectáculo, valores deportivos e difusión mediática.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, interviu onte na presentación oficial da proba. “Como alcalde e como porriñés é un orgullo que O Gran Camiño comece no Porriño”, manifestou o rexedor, “O noso é un concello berce de ciclistas, onde este deporte ten unha arraigada tradición. Tamén é un concello de comezos, que abre unha nova etapa na que perseguimos unha maior proyección cara o mundo”. Neste sentido, Lorenzo afirmou con rotundidade que “O Porriño é un lugar único e o mundo debe coñecernos” e concluíu, que “`O Gran Camiño´ será un escaparate perfecto que nos axudará a conseguilo”.

O Porriño, saída da primeira etapa
O Porriño foi elixido como saída da primeira etapa que se disputará o 24 de febreiro. Percorrerá algo máis de 163 km finalizando en Vigo. Será unha etapa chaira na súa maior parte na que, a 23 km da meta, os corredores subirán a Peinador antes de chegar ao sprint no centro de Vigo.

A segunda delas disputarase na Coruña, a terceira na provincia de Ourense e a última será en Lugo. O Gran Camiño está incluida no calendario UCI, na categoría 2.1, conseguindo chamar a atención de equipos profesionais de alto nivel, tanto nacionais como internacionais. Xa está confirmada a participación de Movistar, Israel Start Up Nation, Education First, Cofidis, Tavira e Euskaltel Euskadi. Tamén do RP-Boa Vista, Eolo Kometa, Androni Giocattoli e Bardiani.

As etapas da volta ciclista “O Gran Camiño”.

Conta co respaldo das cinco principais institucións galegas: a Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais.

Defensa persoal feminina
Un total de 24 mulleres de diferentes idades participaron hoxe na que foi a primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina que organiza o Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Policía Local.

O curso conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, participou hoxe da clase e ao terminar animou a todas as mulleres a acudir ás seguintes xornadas. “É unha experiencia enriquecedora e moi práctica para a nosa vida cotiá que nos axuda a estar preparadas para resolver situación de risco”, apuntou a edil.

As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábado alternos.

Para asistir non é preciso ter unas condicións físicas específicas nin rexistro previo. A asistencia é totalmente gratuita e está aberta a que participen mulleres dos concellos da contorna. As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábado alternos, polo que a vindeira será o sábado 29 de xaneiro, como sempre no ximnasio Jovhen Sport de 10h a 12h.