
Vigo | O Centro Veciñal Cultural (CVC) da parroquia viguesa de Valadares foi o escenario este 18 de novembro da inauguración da exposición “Galiza, un Pobo, unha Selección” promovida pola Plataforma Vía Galega, entidade que agrupa a máis de 60 asociacións culturais, sociais e deportivas.
A exposición, comisariada polo xornalista Héctor Pena, trátase de 20 paneis sobre a traxectoria do deporte galego a favor da participación oficial das seleccións nacionais galegas en competicións internacionais.
Nomes propios como Iago Aspas, Ana Peleteiro, Luis Suárez ou Gómez-Noya forman parte dos paneis, así como os precursores do deporte galego a nivel internacional, as seleccións galegas de fútbol e fútbol gaélico e outras disciplinas nas que destacaron importantes deportistas galegas e galegos.

Vigo é a primeira parada desta exposición, que estará no recinto de Valadares ata o vindeiro 30 de novembro para, posteriormente, percorrer un total de 35 cidades e vilas galegas ata o mes de xullo de 2022.
A inauguración foi realizada polos coordinadores de Vía Galega, Anxo Louzao e Nuno Galán Alves, contando coa presenza da deputada provincial María Ortega así como o apoio na organización da presidenta do CVC Valadares, Ana Pérez Davila.

Louzao explicou o leitmotiv da exposición, enfocado en “reivindicar ás seleccións galegas para que poidan competir oficialmente a nivel internacional”. Nese sentido, colocou como referencias os casos de Escocia e Gales, que sendo nacións sen Estado poden competir internacionalmente. Tamén referiuse ao apoio deportivo que dan os gobernos autonómicos de Euskadi e Cataluña, criticando que en Galicia “o actual marco autonómico non é suficiente para dar visibilidade ao deporte galego”.
Destacou igualmente o labor do deporte galego “como sinal de identidade do noso pobo”, así como este proxecto tamén busca “reivindicar a igualdade de xénero a través do deporte e pór en valor os nosos deportes autóctonos”. En resumo, “o obxectivo da exposición é dar a coñecer a nosa historia a través do deporte”.

Louzao tamén explicou que entre as actividades de Vía Galega están a de “normalizar o noso idioma no ámbito do deporte”. E para iso, a plataforma impulsa a difusión de 30.000 xornais e revistas así como o Manifesto pola Selección Galega, que serán repartidos en distintos puntos da nosa xeografía. Tamén está en proxecto a realización dun vídeo onde os deportistas galegos darán a coñecer a situación deportiva.
Pola súa banda, María Ortega destacou a achega económica por parte da Deputación de Pontevedra porque “damos apoio con fondos públicos para que se destinen a facer país” para que “as e os deportistas galegos podan sentir orgullo e sentimento de pertenza ao país”.

Preguntado polo noso xornal sobre se o centenario en 2022 do primeiro partido da Selección Galega de fútbol pode servir de marco para o retorno ao plano futbolístico dos partidos da selección galega, Louzao contestou: “o 2022 é o ano acaído” para impulsalo. Destacou tamén o esforzo por “consolidar os pasos” para a institucionalización do deporte galego a través de calendarios de eventos previamente acordados, “tal e como o fan Euskadi e Cataluña”.