O mellor fútbol internacional chega a Ribadumia

Esta fin de semana co torneo Arousa Fútbol 7

Ribadumia | A fase final do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 chega a Ribadumia esta última fin de semana do mes de maio. Desde a mañá do venres 26 de maio ata o domingo á tarde, o Campo de Fútbol A Senra (Ribadumia) será a sede deste evento de fútbol base internacional en que participarán 20 equipos de carácter nacional e internacional.

Ribadumia será visitada, durante esta semana, polo Atlético de Madrid, FC Barcelona, FC Porto, Real Madrid, AFC Ajax, RCD Espanyol, Benfica, Real Betis, Paris Saint-Germain, Sevilla FC, Servette FC, RC Celta, FC Copenhague, RC Deportivo, New York FC, Villareal CF, ED Xuventude Oroso, ED Val Miñor, AC Montañeros CF e Bertamiráns FC.

Os equipos internacionais comezan a chegar hoxe, mércores 24 de maio, ao municipio, ben para facer adestramentos, coñecer a contorna ou disputar un amigable. Os xogadores do New York FC foron os primeiros en aterrar, pois logo dun paseo por Ribadumia, adestrarán no Campo da Senra ás 17:00h aproximadamente.

O AFC Ajax será o seguinte equipo en chegar ao noso municipio, e farao este xoves. Fará unha visita de recoñecemento pola contorna, comerán en algún dos nosos establecementos hostaleiros e adestrarán na Senra ás 16:00 horas.

Ás 18:00 horas do xoves 25, disputarase no Campo da Bouza un partido amigable entre o New York City e o Servette FC, con entrada libre e gratuíta para toda a veciñanza e afeccionados ó fútbol que queiran asistir.

O venres 26, ás 10:00 horas, dará comezo o torneo e o alumnado de primaria do CEIP Julia Becerra Malvar visitará o Campo da Senra e ós equipos que alí estean presentes para facer, entre todos, un telexornal con entrevistas a adestradores e xogadores. Pola noite, haberá unha recepción oficial cos organizadores, patrocinadores, autoridades e equipos de fútbol.

Xa o sábado e o domingo, serán dedicados exclusivamente a disputar o torneo, desde as 9:00h e as 9:30h, respectivamente. O prezo das entradas varía dependendo de se se compra o abono de tres días (25€), a entrada por día (13€) ou a entrada para ver as semifinais e a final do domingo (10€). As persoas menores de 14 anos terán a entrada gratuíta. O goberno local valora a importancia do deporte base e o papel fundamental que desempeña no desenvolvemento dos máis novos. Este evento busca promover a práctica do fútbol base fomentando os valores do traballo en equipo, respecto, disciplina e a competencia sa, entre outros.

O Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 promete ser un evento deportivo cheo de emocións, talento e compañeirismo. O Concello de Ribadumia pretende resaltar a importancia de apoiar e promover o deporte base e anima a toda a veciñanza e afeccionados a asistir ao torneo, pois será unha oportunidade para apoiar aos futbolistas máis novos nos seus primeiros pasos no deporte e celebrar a importancia do xogo limpo, o respecto e a superación persoal. Os valores transmitidos a través do deporte son fundamentais na súa formación e na construción dunha comunidade unida.