O CNPonteareas triunfa no campionato galego de natación

Foi gañador na categoría máster xunto ao CNLiceo da Coruña

Ponteareas | Gran nivel competitivo no Campionato Galego Máster de natación, celebrado a pasada fin de semana en Ponteareas, e no que as nadadoras e nadadores galegos rexistraron varios récords. A proba reuniu a 250 deportistas de 25 equipos de toda Galicia na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino, onde se viviu un ambiente deportivo espectacular.

O CNPonteareas acolleu este evento no que se implementou un estrito protocolo de prevención ante a actual realidade sanitaria, no que se incluía por exemplo a entrada e saída á piscina mediante a presentación dun código QR confeccionado pola Federación Galega de Natación ou a incorporación das instalacións deportivas anexas á piscina para que nadadoras e nadadores puideran seguir dende alí en directo a proba a través dunha pantalla a competición, evitando así aglomeracións.

Ademais, a organizacións instalou tamén a zona de podio instalouse no pavillón contiguo á piscina e puxo en marcha moitos máis detalles para que as e os deportistas se atopasen o máis cómodos posible.

Precisamente na procura dun aforo o máis limitado posible, a cita autonómica celebrouse sen público, que puido seguir a competición en streaming, e dividiuse en dúas xornadas, unha o sábado para competidoras e competidores maiores de 45 anos e outra o domingo para menores desa idade.

En canto aos resultados deportivos, o CNPonteareas resultou vencedor na categoría conxunta e feminina, mentres que os nadadores do CNLiceo da Coruña alzáronse coa vitoria na categorías masculina seguidos a moi pouca distancia polos deportistas ponteareáns.

“O CNPonteareas resultou vencedor na categoría conxunta e feminina”

Dende o Concello e dende o CNPonteareas quérese destacar o gran labor que os numerosos voluntarios e voluntarias do club e de Protección Civil desenvolveron ao longo de toda a fin de semana, garantindo grazas ao seu traballo que toda a competición transcorrera sen contratempos.

O equipo ponteareán tamén quere agradecer as mostras de agarimo de todas e todos os participantes, que fixeron fincapé no inmenso labor organizativo.

Pola súa banda, a concellaría de Deportes, que dirixe Miguel Bouzó, quere trasladar os parabéns en nome de todo o goberno local ao Club Natación Ponteareas non soamente pola espectacular organización do campionato, senón tamén polos bos resultados acadados.

Outros artigos