O CNPonteareas feminino, campión galego de natación

Conquistou en Lugo o Campionato Galego Absoluto de natación de inverno

Ponteareas | O Club Natación Ponteareas sumou esta fin de semana un novo éxito ao conquistar o equipo feminino o Campionato Galego Absoluto de natación de inverno disputado no Complexo Deportivo Frigsa de Lugo. Unha cita que se adiantaba no calendario de competicións e que congregou a 300 dos mellores deportistas de 26 clubs galegos.

O equipo feminino do club facíase co título de campioas galegas nunha competición na que todas e todos os participantes amosaron o bo nivel de forma, xa que durante os tres días de competición melloráronse varias marcas de idade e algúns récords galegos. Ademais, a deportista ponteareá Carla Carrón acadaba o trofeo Paula Carballido á mellor marca por puntos FINA do campionato.

Pola súa banda, o equipo masculino do CN Ponteareas remataba o encontro nun oitavo posto. Con estes resultados, na clasificación total conxunta o club do Condado proclamábase subcampión galego por equipos por detrás do CN Portamiñá lucense.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo transmitir unha vez máis os seus parabéns tanto ao club como ás e aos nadadores, xa que “en cada competición demostran o alto nivel no que se atopa a natación en Ponteareas. Para nós é un orgullo ver ás nosas e nosos deportistas acadar grandes logros en cada unha das metas que se poñen”.