O Club Natación Ponteareas conquista o Campionato Galego Máster

Celebrado esta fin de semana en Ponteareas

Ponteareas | O Club Natación Ponteareas comeza o ano do mellor xeito posible: conquistando o Campionato Galego Máster de inverno, que reuniu na vila a máis de 400 deportistas de 32 equipos de Galicia e do resto de comunidades autónomas. O club ponteareá estreouse nesta primeira competición deste 2023 gañando o campionato tanto na categoría feminina como na masculina e na conxunta, onde quedou por diante do CN Rías Baixas e do CN Escualos.

Na clasificación feminina, o club ponteareán impúxose ao CN Rías Baixas e ao CN Escualos, que quedaron en segunda e terceira posición, respectivamente, mentres que na masculina liderou a clasificación seguido do equipo ourensán e do vigués. Unha impresionante primeira cita coa natación este ano na que o público puido desfrutar ademais de 51 novos récords galegos e dun novo récord de España en 100 bolboreta, conseguido por Alba Franco, do Club Fluvial de Lugo.

Por outra banda, volveu destacar a actuación dos nadadores máis veteranos da competición, Ramón Folch, de 86 anos e do club de natación de Arteixo, e Isabel Moral, de 81 anos e do CN Ponteareas. Ademais, por primeira vez o Campionato Galego Máster de inverno celebrado na vila contou coa presenza dos clubs de Utrera, Jeréz e Tenis Chamartín.

A alcaldesa de Pontearas, Cristina Fernández Davila; o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó; e o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Mouriño quixeron felicitar a todas e todos os deportistas que pasaron esta fin de semana pola piscina do complexo deportivo Álvaro Pino. “A natación máster galego volveu dar conta do seu bo estado de saúde e das grandes cousas que se poden conseguir con ganas, esforzo e ilusión. Só podemos gabar unha vez máis o bo traballo do Club Natación Ponteareas, non só pola boa organización do campionato e os incribles éxitos acadados competición tras competición, senón tamén por contribuír a que Ponteareas creza a nivel deportivo, económico e social”, salientou Bouzó.

O CN Ponteareas quixo felicitar a todos os clubs participantes e ás e aos deportistas polo seu exemplar comportamento durante toda a fin de semana. Tamén estendeu os seus agradecementos ás e aos patrocinadores e a todas aquelas persoas que colaboraron na organización deste evento que dá o pistoletazo de saída a un ano

Triunfos ponteareáns no Campionato de España de Ciclocrós
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, vén de trasladar os parabéns do Goberno local ás e aos corredores que esta fin de semana acadaron excelentes resultados no Campionato de España de Ciclocrós disputado na localidade barcelonesa de Vic.

A corredora do Condado Bike Isabel Castro proclamouse campioa de España na categoría máster 50A tras unha intensa carreira na que conseguiu sacarlle 1’ 35’’ á segunda clasificada. Pola súa banda, o ciclista ponteareán de Supermercados Froiz Miguel Rodríguez convertíase en subcampión tras unha carreira nun circuíto pouco favorábel pero co que conseguía subir un chanzo no caixón sub23 con respecto ao ano pasado.

O edil quixo estender estes parabéns a todas e todos os ciclistas ponteareáns que disputaron unha proba na que deixaron claro o bo momento que atravesa o ciclismo ponteareán. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salientou que “para a nosa vila é todo un orgullo ter grandes corredores e corredoras que levan o nome de Ponteareas por todos os recunchos sempre vinculado a grandes éxitos deportivos e continuando unha tradición que nos mantén como referente no ciclismo e en todos os ámbitos deportivos”.