O Club Baloncesto Condado cumpre 40 anos

Celebrou o aniversario no pavillón municipal de Ponteareas

Ponteareas | O Club Baloncesto Condado celebrou o seu 40 aniversario por todo o alto: arroupado polo público na presentación dos máis de 80 deportistas que integran os 8 equipos de distintas categorías cos que conta o club ponteareán.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, achegáronse ata o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino para acompañar ao club nesta data tan sinalada e trasladar os parabéns de todo o Goberno municipal por eses 40 anos de historia.

O evento, presentado polo xornalista Terio Carrera, celebrouse nun pavillón ateigado de público, ante o que desfilaron un a un os 80 nenos e nenas que forman parte deste club de formación. Ademais, nesta conmemoración participaron tamén varias xeracións de xogadores e xogadoras que pasaron polo club ponteareán ao longo destas catro décadas de vida, o equipo técnico de todas as categorías e os principais patrocinadores e colaboradores deste club deportivo ponteareán.

Dende o Club Baloncesto Condado agradecen a grande acollida por parte do público, así como das autoridades que asistiron ao evento, e destacaron a importante axuda que lles proporcionan os seus patrocinadores, con Rodosa, Óptica Mahen, Sestelo e Ortodoncia Avanzada Sabela Casasnovas como principais.