O campión galego élite Sub23 de ciclismo decidirase no Porriño

O vindeiro 3 de xuño cunha nova edición do Gran Premio Concello do Porriño

O Porriño | O Porriño acollerá o vindeiro 3 de xuño unha nova edición do Gran Premio Concello do Porriño, proba nacional do ranking da RFEC élite-sub23 organizada polo club Master da Louriña en colaboración co Concello do Porriño e a Xunta de Galicia.

Tal e como explicou o presidente do club organizador, Juan José Álvarez, este ano a “proba está incluída no campionato galego polo que, o primeiro ciclista galego que cruce a liña de meta será campión autonómico”. Álvarez quixo agradecer ao “Concello do Porriño, á Federación de Galicia, á Xunta de Galicia e a LASAL Cocinas que sigan apostando pola categoría raíña do ciclismo” e destacou que “se trata duha carreira moi atractiva que contará co mesmo percorrido que as anteriores edicións”.

Pola súa banda, Rafael Pérez, do patrocinador LASAL Cocinas salientou que para o equipo “é marabilloso que en tan pouco tempo volva un campionato galego ao Porriño” e agradeceu a Juan José e á súa familia que o fagan posible xunto co respaldo das administracións. “Hai que poñer en valor o seu esforzo e o traballo que fan durante todo o ano polo deporte no Porriño. Ese é o retorno da inversión, que os rapaces poidan facer deporte e que o ciclismo volva flotar na vila cunha proba destas características”, concluíu.

Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de deportes da Xunta, dixo de Juan José Álvarez que é “desas persoas que fai que nos sintamos máis comprometidos co deporte. Por iso hai que recoñecer o seu labor, é un referente de traballo desinteresado e constante”.
Pechou a presentación o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz que agradeceu o apoio da Xunta de Galicia ao ciclismo ao igual que o do Concello do Porriño e convidou a todo o mundo a disfrutar da proba o vindeiro 3 de xuño.