Nova edición dos Street Games na Coruña

Esta fin de semana no paseo do Parrote

A Coruña | A Coruña acollerá esta fin de semana unha nova edición dos Street Games, tras tres anos de ausencia pola pandemia. O Goberno de Inés Rey, a través do Consorcio de Turismo, aposta por este grande evento de deportes urbanos, que se realizará no Parrote entre o venres 14 e o domingo 16 de outubro.

Como novidade, este ano o muro de escalada olímpica e o popular ‘Psicoblock’ estarán situados nunha plataforma flotante na dársena. Os e as deportistas deberán acceder a través dunha plataforma a esta estrutura que chegará á Coruña nos vindeiros días. Nunha das caras desta plataforma estará o muro olímpico de 20 metros e, na outra, o ‘Psicoblock’.

Nesta estrutura realizaranse o sábado o Open de velocidade (ás 12.00 horas), organizada pola Asociación de Montañeiros Independentes da Coruña, e a exhibición Psicoblock Master Series (ás 21.00 horas), con participantes de alto nivel chegados de distintos lugares do mundo.

A participación no Open é aberta e non fai falta estar federado. No Psicoblock Master Series participarán oito homes e seis mulleres profesionais: Eneko Carretero, Mikel Linacisoro, Isaac Estevez, Pol Roca, Jernej Kruder, Carla Martínez, Mirian Diez, Julija Kruder, Svana Bjarnason, Francis Guillen, Alejandro Crespo, Jonas Winter, Nils Favre e Johanna Mielke. Ademais da escalada, tamén haberá outros deportes urbanos no Parrote esta fin de semana, como o parkour e o break dance, modalidades olímpicas en París 2024.

O slackline, outro dos grandes reclamos das dúas edicións anteriores, tamén volverá a practicarse este ano. Haberá talleres, exhibicións e sesións libres de todas as modalidades durante as tres xornadas, nas que haberá música grazas á presenza de djs locais.

O Goberno de Inés Rey destaca o carácter único deste acontecemento grazas á súa novidosa plataforma flotante e aposta decididamente por este evento como unha alternativa de ocio e deporte. Está prevista a participación de máis de 80 deportistas de Galicia no Open de Velocidade, así como a presenza de escaladores/as de dez países diferentes durante a fin de semana, entre eles a campioa do mundo, a catalá Carla Martínez.