Mos recibe a Carlos Táboas, o seu Campión de España de + Enduro Master 50

Foi homenaxeado pola alcaldesa Nidia Arévalo

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes mosense, José Areal, e demais membros do equipo de goberno local e da Corporación Municipal recibiron esta tarde no Concello, para homenaxealo, ao vixente Campión de España de + Enduro Master 50.

O Campionato nacional disputouse o pasado 6 de xuño en Mugardos e Carlos Táboas erixiuse gañador. Tamén este ano quedou 3º no Campionato Galego de + Enduro Master 50.

Carlos José Táboas Pazo, “Peri”, de 56 anos, é veciño da parroquia de Sanguiñeda e dedícase profesionalmente á carpintería de cociñas. Rexenta a empresa Master Kitchen (empresa familiar), seguindo o legado do seu pai e dos seus avós e bisavós.

Traxectoria deportiva
Comezou a competir de neno, con 12 anos, no Club Ciclista Spol do Porriño. Logrando ser varias veces Campión Galego nas categorías de Cadetes e Xuvenís. Corría nas modalidades de ‘carretera’ e ‘ciclocross’.

Con 16/17 anos foi aos Mundiais de Ciclocross en Francia e Inglaterra (en Inglaterra quedou 11º na clasificación xeral).

Continuou coa bicicleta ata os 20 anos, idade na que a deixou polos rallyes.

Competiu en rallyes 10 anos sendo Campión Galego de Grupo A e da Copa AX. Tamén foi 3º no Campionato de España AX, e na Copa Hwundai. E quedou Supcampión de España.
Posteriormente deixou de competir uns anos deportivamente e aos 50 anos, por un problema de saúde relacionado coa tensión, retomou a bici e voltou á competición en + Enduro Master 50.

Ademais dos títulos logrados este ano (1º de España e 3º de Galicia) ten un amplo palmarés no seu haber: 4 veces Campión Galego de + Enduro Master 50. 2 veces Subcampión de España de + Enduro Master 50. 1 vez 3º no Campionato de España de + Enduro Master 50.