Mos homenaxea ao seu subcampión galego e terceiro de España

Trátase de Gustavo Freiría, no máis alto da hípica con tan só 9 anos

Mos | Esta tarde tivo lugar no Concello de Mos a recepción ao deportista mosense Gustavo Freiría Santos, de tan só 9 anos de idade.

Este cativo vén de lograr, no seu primeiro ano de competición na disciplina deportiva da hípica, uns excelentes resultados nos Campionatos de España e Galego na Categoría de Ponis A. Foi 3º no Campionato de España de Salto, 2º no Campionato Galego de Salto e 3º no Campionato Galego de Doma Clásica. Tres metáis, dous bronces e unha prata, en competicións do máximo nivel nos ámbitos autonómico e nacional.

Por elo foi recoñecido e galardoado na XXV Gala da Hípica da Federación Galega de Hípica, que se celebrou o pasado 26 de novembro en A Coruña.

Hoxe foi recibido no seu Concello, acompañado polo seu pai, José Manuel, e a súa adestradora Ana, e felicitado pola acaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal mosense. Ademais Gustavo compite coa Hípica JC de Torroso Mos, polo que os seus resultados son celebrados dobremente desde Mos.