Mondariz, referencia estival para o fútbol base

Coa segunda edición da MS2 Cup do 13 ao 22 de agosto

Mondariz | As instalacións deportivas da Lagoa, en Mondariz, convertéronse este verán en epicentro da promoción do fútbol base na provincia, cun campus e cun torneo internacional organizado pola escola MS2, do exfutbolista galego Míchel Salgado.

O Concello de Mondariz, interesado en fomentar a actividade turística e deportiva na localidade, apoiou o proxecto e colaborou activamente coa organización para atraer visitantes en condicións de seguridade.

O torneo internacional MS2 Cup, que foi presentado no campo municipal de fútbol da Lagoa o 12 de agosto, xa está en marcha coa participación de clubes e xogadores de diferentes países. Ademais de referentes do fútbol galego como o RC Celta, o RC Deportivo da Coruña ou o CD Lugo, na competición atopamos equipos portugueses como o FC Porto ou o Vitória SC de Guimaraes e outros como o Fursan Hispania FC.

“O carácter internacional deste evento non só é positivo para situar a Mondariz no mapa, senón tamén para promover experiencias interculturais entre a mocidade galega”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

MS2 Cup é unha iniciativa do exfutbolista Míchel Salgado, natural das Neves, para crear un gran torneo de fútbol base en Galicia no que xoguen equipos de todos os continentes. A primeira edición tivo lugar en Ponteareas en 2019 e conseguiu reunir a 90 equipos das diferentes categorías de fútbol base.

Esta segunda edición, que se organiza no campo municipal de fútbol da Lagoa coa colaboración do Concello de Mondariz, tamén incluirá na axenda o torneo local Trofeo Concello de Mondariz, un partido entre o Mondariz FC e o equipo xuvenil nacional do RC Celta programado para o 16 de agosto, a partir das 19:00 horas, que servirá como presentación oficial do primeiro equipo do Mondariz FC.