Mondariz aposta polo deporte

Escolas de verán de piragüismo, balonmán, hóckey sobre patíns e fútbol

Mondariz | O concelleiro de Deportes de Mondariz, Poldo Tato, anunciou que o Concello introduciu novas disciplinas deportivas para as escolas de verán, neste caso de piragüismo, o balonmán e o hóckey sobre patíns, que complementan a tradicional práctica do fútbol.

Deron así comezo a escola de verán de piragüismo en colaboración co Club Tea de piragüismo e o campamento de verán organizado polo Club Balonmán Cañiza. Outra das actividades deportivas pendentes é a escola de verán de hóckey sobre patíns, organizada xunto ao Hóckey Club Ponteareas, mais finalmente foi suspendida porque o número de persoas inscritas non era suficiente.

Ademais de organizar actividades deportivas abertas ao público, o Concello de Mondariz colabora con diversas entidades para acoller eventos deportivos en instalacións municipais.

Entre o 3 e o 9 de xullo será sede do campus do RC Celta, e xa no mes de agosto, recibirá nas instalacións do campo municipal de fútbol da Lagoa o campus internacional promovido polo ex xogador Míchel Salgado. A estes eventos deportivos estivais súmanse, ao igual que o ano pasado, o campus de baloncesto Antonio Díaz-Miguel en xullo e o campus de esgrima previsto para finais de agosto.