Mondariz acollerá o “pump track” asfaltado máis grande de Galicia

Con 1.200 m² de superficie prevista

Mondariz | O Concello de Mondariz está desenvolvendo un plan de recuperación do espazo lúdico e deportivo do campo da Minada coa construción dun “pump track asfaltado” para practicar actividades con monopatín ou bicicleta en condicións de seguridade. Con 1.200 m² de superficie prevista, o pump track de Mondariz será o circuíto máis grande do seu tipo en Galicia.

Esta innovadora actuación municipal, que ascende a 48.399,44 €, está financiada polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e forma parte dun ambicioso proxecto de CENTRO DE OCIO E DEPORTE URBANO que convertirá a Minada nun lugar de referencia para a mocidade de Mondariz e outros concellos veciños, xa que hoxe en día non existen infraestruturas deste tipo nas comarcas do sur de Pontevedra.

O circuíto, construído sobre o antigo campo de fútbol da Minada, está situado na Avda. Grupo Escolar, en pleno centro urbano, xunto ao CPI de Mondariz, a biblioteca pública municipal e a Casa do Concello. Ademais, non está lonxe doutras áreas recreativas como a praia fluvial do Val.

Está concebido como unha pista de 180 metros de lonxitude, con ondulacións e curvas peraltadas á esquerda e á dereita que se adaptan ao regulamento de BMX da Real Federación Española de Ciclismo, polo que nun futuro podería acoller competicións deportivas profesionais. De feito, “unha vez rematadas as obras solicitarase a certificación de circuíto apto para probas federadas”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente e Deporte, Leopoldo Tato. O percorrido consta de varias rectas e curvas, cada unha delas cun deseño de obstáculos diferente para ofrecer varios niveis de dificultade ás persoas usuarias, de 12 anos en adiante.

A Minada albergaba un campo de fútbol con céspede artificial e bancada de formigón que fora construído fai vinte anos sen cumprir as medidas regulamentarias para a competición deportiva. Durante dúas décadas estivo en desuso como área lúdica e deportiva, chegando a ser empregado como aparcadoiro informal polas veciñas e veciños. “Diante desta situación de abandono, marxinalidade e grave deterioro das instalacións, o goberno municipal buscou alternativas que permitisen recuperar este histórico espazo de interacción social e satisfacer as necesidades da mocidade local”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros. “A idea é crear un Centro de Ocio e Deporte Urbano para a mocidade. Este pump track é a primeira instalación, pero co tempo virán outras”.