La Sestelo-Álvaro Pino ultima detalles do seu paso por Covelo

Pasará por este Concello o vindeiro 22 de maio

O Covelo | O gañador da Vuelta España, Álvaro Pino, visitou hoxe o concello de Covelo para presentarlle ao alcalde Pablo Castillo o maillot da marcha La Sestelo-Clásica Álvaro Pino e pechar detalles da marcha ao seu paso polo noso concello.

“Esta mañá quixen presentarlle ao alcalde Pablo Castillo o maillot da marcha que leva o meu nome e agradecerlle persoalmente a súa implicación”, comenta Álvaro Pino.

O afamado ciclista e o alcalde estudaron a ubicación do punto de avituallamento no que os e as participantes farán un pequeno parón para repor folgos e reagruparse. A marcha Sestelo-Clásica Álvaro Pino terá lugar o vindeiro 22 de maio e congregará a ciclistas chegados de todos os puntos da península que se agruparán na praza Mestre Cerviño para continuar pedaleando.

O gran fondo cicloturista repite este ano percorrido. 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, reagrupando aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión. A marcha pasará por 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

O alcalde Pablo Castillo amosa a súa satisfacción pola realización da proba e lembra a importante conexión que hai entre o noso concello e os afeccionados/as ao ciclismo, “é unha clásica moi arraigada no Condado Paradanta, que da a coñecer os dez concellos así como a riqueza natural e paisaxística axudando a posicionar este territorio como un destino de calidade para turismo deportivo.

Covelo é un concello de grande atractivo para os ciclistas e, a diario, vemos como adestran nas nosas estradas tanto profesionais como afeccionados. Para nós é unha satisfacción e un espectáculo poder ter a tantos deportistas na nosa praza, véndoos chegar e saír para continuar a proba”.

Os organizadores, Plan C, estiman este ano unha participación de 500 corredores/as tras o éxito da pasada edición. Desde a organización adianta que o último tramo de inscricións que comezou o 18 de abril e ten un prezo de 45 euros pechará o 8 de maio ás 23.59 horas.

A organización confirma a dispoñibilidade de prazas para todos aqueles que aínda desexen inscribirse, a través da páxina web oficial www.clasicaalvaropino.com. La Sestelo-Álvaro Pino está patrocinada por Grupo Sestelo e Grupo Asegurador Lynalfa e conta co apoio e coa colaboración do Concello de Ponteareas, da Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta.

Outros artigos