Javier Noya será o padriño do Triatlón do Porriño

Volve coa súa VIII edición este 27 de maio

O Porriño | O Concello do Porriño quenta motores xa para acoller a oitava edición do Tríatlon Concello do Porriño, que volve este ano con máis forza se cabe.

O evento deportivo, organizado polo Concello do Porriño coa colaboración do de Tui, disputarase o sábado 27 de maio e contará cun padriño de excepción: o cinco veces campión mundial Javier Gómez Noya, campión ademais dúas veces en Ironman, cunha plata olímpica e innumerables medallas en eventos de todos os niveis.

A proba este ano renderá homenaxe á loita contra o cancro e contempla novidades destacables, como a dotación de premios económicos para os gañadores. E é que ademais dos tradicionais trofeos para os vencedores de cada categoría e locais, os primeiro e primeira deportista masculino e feminino recibirán un premio de 500 euros, o segundo/a 200 euros, o terceiro /a 150 euros, o cuarto/a 100 euros e o quinto/a 50 euros.

Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 m, desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bici é de 20 km entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 km que se disputa no casco urbano do Porriño.

Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Triatlón Mini, no que terán que completar 25 m na piscina municipal, 700 m en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 m de carreira a pé dende ata o Concello.

A inscrición está aberta ata o 23 de maio e pode formalizarse a través do seguinte enlace: https://fegatri.org/evento/viii-triatlon-popular-porrino-tui-proba-aberta/