Fútbol e ciclismo unidos en Mos por La Vuelta21

Coa Xornada de Convivencia Infantil Afouteza o vindeiro 1 de setembro
Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras, Mos.

Mos | Máis de 100 nenos e nenas de Mos de entre 4 e 12 anos de idade participarán o vindeiro mércores nunha xornada de convivencia organizada polo RC Celta na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras, dentro do programa municipal de actividades con motivo da meta da etapa 20 de La Vuelta 21 en Mos.

A inscrición dos participantes realizouse a través dos clubes de fútbol locais, Unión Deportiva Mos e Club Louro Tameiga; e das ANPAS dos distintos centros educativos mosenses.

A Xornada de Convivencia Afouteza terá lugar o próximo mércores, día 1 de setembro, en horario matinal, de 10.00 a 13.00 horas.

Os nenos e nenas gozarán dunha xornada de convivencia onde realizarán unha visita guiada pola Cidade Deportiva Afouteza, e unha posterior actividade no campo de adestramento do RC Celta cun carácter lúdico e co obxectivo de gozar dun día de fútbol.

Os nenos deberán acudir con roupa deportiva, máscara e botella de auga individual.

Protocolo de acceso
A entrada ás instalacións realizarase a partir das 10.00 horas e será exclusivamente para os nenos e nenas que participan na actividade. No acceso ás instalacións realizarase protocolo COVID con toma de temperatura e xel desinfectante.

Esta trátase dunha nova iniciativa enmarcada dentro do programa de actividades con motivo da etapa 20 Sanxenxo-Mos (Castro de Herville) que terá lugar o vindeiro 4 de setembro.

Ecovidrio e o Concello, con La Vuelta21
Por outra banda, Ecovidrio e La Vuelta21 propuxéronse converter esta edición na máis sostible na historia da competición, coa colocación de 12 contendores de reciclaxe en Mos para promover a reciclaxe e crear conciencia na veciñanza sobre o coidado do medio ambiente.

Colocaranse 12 contendores en todo o municipio mosense.

A iniciativa tamén contará cun Pelotón Verde integrado por voluntarios que recollerá os residuos das zonas de maior sensibilidade medioambiental ao final de cada unha das 21 etapas da proba. Segundo os últimos datos relativos a 2020, os cidadáns de Mos reciclaron un total de 388,4 toneladas de vidrio, unha media de 25,8 kg por habitante.