Festa do hóckey en Ponteareas co III Memorial Kiko Represas

Os días 4 e 5 de decembro no Pavillón Municipal do complexo deportivo Álvaro Pino
O Memorial acollerá por primeira vez este ano o Torneo Hóckey Base ‘Todos campións’, no que participarán arredor de 100 nenos e nenas.

Ponteareas | Ponteareas réndese esta fin de semana ao hóckey sobre patíns coa celebración da terceira edición do Memorial Kiko Represas, na honra desta figura tan destacada dentro desta disciplina na vila. O evento está organizado polo Hoquei Club Ponteareas en colaboración co Concello e estará aberto ao público con entrada de balde.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó convida “a todas e todos os afeccionados a gozar con estes dous días nos que o hóckey será o gran protagonista da mañá á noite”.

“É un orgullo para a vila contar cun evento cunha elevada participación das bases como este, unha grande oportunidade deportiva e un importante pulo para a economía local”, asegura.

Así, os días 4 e 5 de decembro, o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino acollerá o Torneo Máster 35, un encontro de veteranos que enfrontará aos equipos C.P. Riudebitlles, o O.C.Barcelos, C.P. Las Rozas e o H.C. Ponteareas.

O torneo arrancará o sábado ás 18.30 horas coas semifinais, para disputar o domingo ás 17.30 horas o terceiro e cuarto posto e ás 19.30 horas a final.

Por outra banda, o Memorial acollerá por primeira vez este ano o Torneo Hóckey Base ‘Todos campións’, no que participarán arredor de 100 nenos e nenas que aínda non están en competición de sete clubs de Cataluña, Madrid, Santiago de Compostela, Vigo, Mondariz e Portugal (H.C. Ponteareas, C.P. Riudebitlles, C.P. Las Rozas, H.C. Oroso, Traviesas H.C., H.C. Vigo Cíes e Cemar Mondariz).

“Será un torneo especial non que non haberá gañadores nin perdedores”, asegurou Bouzó.

Habilitaranse tres pistas para que os e as deportistas poidan xogar partidos todo o día sen marcador e incluso mesturando equipo, para fomentar que se coñezan e compartan experiencias”, explica José Álvarez, presidente do Hoquei Club Ponteareas.