Fernando Romay, Cabaleiro de Honra da Real Orde de Cabaleiros de María Pita

O deportista foi homenaxeado pola alcaldesa da Coruña e o Gran Mestre da Orde

A Coruña | O salón de sesións do palacio de María Pita acolleu esta tarde o acto de entrega da medalla que distingue a Fernando Romay como Cabaleiro de Honra da Real Orde de Cabaleiros de María Pita. A alcaldesa da Coruña e Gran Mestre da Orde, Inés Rey, presidiu a cerimonia que rendeu homenaxe a unha das grandes figuras da historia do baloncesto español.

O coruñés Fernando Romay foi escollido como Cabaleiro de Honra polos seus méritos profesionais e o seu labor social fóra das canchas de baloncesto. A distinción corresponde ao ano 2020, mais a pandemia da COVID-19 obrigou a adiar o acto ata o día de hoxe. Por parte da Real Orde interviron no acto o Mestre, José Duarte Novo, e a vicechanceler, Ana María Nieves Ónega.

Inés Rey destacou os méritos deportivos de Fernando Romay, pero tamén a súa predisposición para colaborar con diferentes entidades e asociacións da cidade en distintas cuestións sociais. “Hoxe distinguimos a un dos deportistas máis importantes da cidade. Unha persoa que levou o nome da Coruña polo mundo adiante e que acadou os máis importantes logros do baloncesto a nivel nacional e internacional”, sinalou Inés Rey.

Fernando Romay é considerado un dos mellores xogadores da historia do Real Madrid e da Selección Española de baloncesto. No conxunto madrileño militou do 1976 a 1993 conseguindo numerosos títulos a nivel nacional e internacional. Coa Selección chegou a participar en dous Xogos Olímpicos, acadando o fito da medalla de prata en Los Ángeles 1984.

Máis alá da súa faceta deportiva, o coruñés desenvolve unha intensa vida social. “A forma de ser e o carisma de Fernando Romay fóra da cancha de baloncesto valéronlle para acadar outro premio moi importante: o cariño da sociedade. Romay, pese a desenvolver a totalidade da súa carreira profesional fóra da cidade, sempre levou a bandeira da Coruña alá onde foi”, apuntou Inés Rey.

A alcaldesa, como Gran Mestre, foi a encargada de entregarlle a medalla conmemorativa ao ex xogador de baloncesto, que se amosou moi agradecido co distintivo outorgado pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita.

A entidade, nada en 1990, ten como obxectivo investigar e difundir a figura de María Pita, a súa contorna e a súa época. Ao longo do ano desenvolven diferentes actividades na cidade, relacionadas sempre co seu pasado e os seus personaxes máis ilustres.

Programas educativos internacionais
O Concello da Coruña retoma este ano os programas educativos internacionais cancelados durante o primeiro semestre do 2020 por razóns de prevención sanitaria, en base á incerteza xerada durante o desenvolvemento das primeiras vagas da pandemia da Covid-19.

Desta forma, a Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego que dirixe Jesús Celemín prevé publicar durante este mes de febreiro as bases definitivas e a convocatoria das Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa, incluídas no programa Erasmus+ e orientadas a promover a aprendizaxe de alumnas e alumnos coruñeses de Formación Profesional que concluísen os seus estudos en ciclos medios ou superiores. O Concello ofrecerá aos beneficiarios a oportunidade de completar a súa formación en Europa, así como mellorar o coñecemento de idiomas e culturas doutros países.

Serán 14 as bolsas dispoñibles nesta edición do programa Europa FP-Proxecto Acoreuropa para a realización de prácticas formativas de tres meses, entre setembro e decembro deste ano, en empresas de sete países do continente: Austria, Francia, Italia, Irlanda, Malta, Portugal e a República Checa. Cada bolsa contempla unha dotación de 1.500 euros, ademais dos gastos de desprazamento desde A Coruña ata o país de destino; o aloxamento no país de destino; e, ademais, un seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil.

A previsión do Concello da Coruña é que, entre marzo e xuño, se execute o proceso de selección e a emisión das listaxes provisionais e definitivas de beneficiarios e beneficiarias, realizado polo consorcio que integran os CIFP Ánxel Casal, Paseo das Pontes e Someso; os IES A Sardiñeira, Escola de Imaxe e Son, Eusebio da Guarda, Fernando Wirtz, Ramón Menéndez Pidal e Urbano Lugrís; así como a Deputación da Coruña, a Asociación de Jóvenes Empresarias y Empresarios de la provincia de A Coruña (AJE Coruña) e a Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega). Desde a posta en marcha do programa, no curso 2012/13, un total de 191 estudantes coruñeses participaron nesta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Unión Europea.

Unha nova edición do programa Idiomas do Mundo, con 60 prazas
En paralelo, o Concello reactiva tamén este ano o programa educativo Idiomas do Mundo, dirixido ao alumnado de primeiro curso de Bacharelato, residentes na Coruña, ao que se lles ofrecerá a oportunidade de realizar unha actividade de inmersión lingüística durante este verán para o estudo do inglés, francés, portugués e alemán, co obxectivo de mellorar as súas competencias lingüísticas e poder acreditar, de modo oficial, o nivel acadado conforme o Marco Común Europeo de Referencia para las Lenguas (MCERL).

O programa, posto en marcha no curso 2015/16, e do que foron beneficiarios un total de 232 mozas e mozos coruñeses desde entón, ofertará 60 prazas xa este verán, con catro semanas de duración para os beneficiarios en Irlanda, Francia, Portugal, Alemaña ou Austria.

Haberá dous tipos de bolsas: unha de carácter total (serán beneficiarias as persoas seleccionadas que non superen os 9.000 euros anuais de renta per cápita); e, por outra banda, a de carácter parcial (serán beneficiarias as persoas seleccionadas que superen os 9.000 euros anuais de renta per cápita, e as familias asumirán un mínimo dun 5 % e un máximo dun 95 % do custo total da praza, co importe final calculado en función da súa renda).

O programa ofrece servizos como a estadía do beneficiario no país de destino durante o período correspondente, vivindo en familia en réxime de pensión completa; a viaxe e desprazamentos de ida e vollta desde A Coruña ata o destino asignado a cada participante; as clases intensivas do idioma correspondiente no país de destino; e, ademais, as actividades culturais e lúdicas (un mínimo de dúas semanais).

Bolsas Canadá-USA
Por outra banda, e debido ás dificultades xurdidas este ano por mor da pandemia, o Concello decidiu ampliar e modificar as bases do programa de bolsas de estudos en Estados Unidos para estender a iniciativa a Canadá, onde os e as estudantes coruñeses pasarán igualmente un curso completo nas cidades anglófonas do país norteamericano.

A sensible redución do número de visados de estudos por parte das autoridades estadounidenses e as dificultades para acceder a prazas de ensino nese país, aconsellou ampliar este ano a Canadá a experiencia das Bolsas USA para garantir unha oferta axeitada de prazas.

Ambos países comparten valores e sistemas educativos moi semellantes, sendo Canadá un país onde son habituais tamén as estadías de estudos con resultados moi satisfactorios, polo que a intención do Goberno municipal é contar tamén con Canadá en futuras edicións. Nos vindeiros días o Concello sacará a concurso o programa de bolsas coas novas bases ampliadas ao mercado canadiense.