Feijóo visitou as instalacións deportivas do Complexo Deportivo de Monterrei (Ourense)

Terá un investimento total de 10 millóns de euros

O Pereiro de Aguiar | O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso da Xunta coa saúde a través do deporte, coa inauguración da fase deportiva do Complexo de Monterrei.

Durante unha visita ás instalacións desta primeira fase, Feijóo referiuse a este complexo como unha infraestrutura de referencia para toda a familia. Non en van, cun investimento total de 10 millóns de euros –cofinanciado ao 50% entre a Xunta e a Deputación de Ourense-, esta actuación contará cunha zona acuática, ademais da zona deportiva, xa en pleno rendemento, formada por: unha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas, unha pista de atletismo e unha pista específica cuberta para bicicleta BTT e deportes urbanos.

Ademais, avanzou a previsión de que no mes de maio se entregue o proxecto construtivo da segunda fase relativa ao parque acuático, co obxectivo de que as obras das piscinas infantil e familiar estean finalizadas en 2022. Posteriormente desenvolveranse outras tres fases máis para levar a cabo distintas infraestruturas relacionadas co lecer.

“Estamos a falar dunha intervención integral nun complexo que contará cunha oferta deportiva desestacionalizada, aberto 365 días do ano; e cun espazo de lecer que mantén os espazos verdes e a vexetación existente, sendo un referente de adaptación ao medio e á contorna natural”, destacou.

Ao longo da visita, o titular do Goberno galego incidiu en que apostar polo deporte é apostar pola saúde e, baixo esta premisa, subliñou que a Secretaría Xeral para o Deporte conta neste 2021 cun orzamento que medra con respecto a 2020 un 28,5%, ata acadar os 32,5 millóns de euros. E, gran parte desa subida, 10 millóns de euros, estará destinada á construción de infraestruturas deportivas.

Nesta liña, Feijóo destacou o compromiso da Administración autonómica polos deportes urbanos, reflectido no apoio ao Festival Marisquiño, ou na creación da Liga galega de break como paso previo da creación da Federación Galega de Baile Deportivo, unha modalidade que será olímpica en París 2024.