“Estamos esperanzados con ver en Mos ao campión de La Vuelta 2021”

Homenaxe ao ex ciclista Óscar Pereiro, previo á etapa 20 de La Vuelta de España en Mos
De esquerda a dereita, Javier Guillén, presidente de La Vuelta 21; Marta Fernández Tapias, delegada da Xunta en Vigo; Borja Martiarena (Ecovidrio); Óscar Pereiro; a alcaldesa Nidia Arévalo; e Germán Fernández (Ecovidrio), posan coa escultura de homenaxe a Pereiro.

Mos | O Concello de Mos e Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, homenaxeron a Óscar Pereiro, o exciclista mosense campión do Tour de Francia en 2006, pola súa traxectoria deportiva e o seu labor en defensa da sustentabilidade.

Neste sentido, levantouse unha escultura en homenaxe a Pereiro na rotonda fronte ao Multiusos das Pozas, na parroquia de Petelos. Ao acto asistiron a alcaldesa Nidia Arévalo, o presidente de La Vuelta 2021, Javier Guillén, o director de marketing Ecovidrio, Borja Martiarena, e a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, entre outras autoridades.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “para Mos é un orgullo acoller a edición máis sostible da historia de La Vuelta e facelo xunto a un dos nosos veciños máis ilustres”, toda vez amosou a súa “esperanza de que este 4 de setembro poda coñecerse en Mos o Campión da Volta a España 2021”, coa etapa número 20 que remata no Castro de Herville.

A alcaldesa Nidia Arévalo durante a homenaxe a Óscar Pereiro.

Pola súa banda, Óscar Pereiro, tamén embaixador de Ecovidrio e La Vuelta 21, considerou que esta etapa 20 que concluirá no Castro de Herville corresponde a “un momento e un día histórico para Mos”.

O final da Etapa 20 será inédito na historia da proba ciclista: terminará no alto do Castro de Herville, no Concello de Mos, con fortes subidas e tramos de ata un 11,8% de desnivel.

Esta a 76º edición da Volta Ciclista a España será, ao mesmo tempo, a máis sostible da historia, con especial énfase na sensibilización sobre a importancia da reciclaxe para combater o cambio climático e a perda de biodiversidade. Por primeira vez, as recollidas do “Pelotón Verde” de voluntarios de Ecovidrio ampliáronse a cada unha das 21 etapas da volta ciclista para mellorar a pegada ambiental do evento.