Esgotadas as prazas para “Depo Auga”, programa da Deputación de Pontevedra

Combinará deporte e natureza con actividades no Río Deva

Pontevedra | Depo Auga, o novo programa da Deputación de Pontevedra que combina deporte e natureza a través do paddle surf e o kayak nos ríos da provincia, tense estreado cunha excepcional acollida.

“As 104 prazas para a primeira das actividades, prevista o vindeiro 8 de agosto no río Deva, no concello da Cañiza, esgotáronse en tan só 24 horas”

Así, as 104 prazas para a primeira das actividades, prevista o vindeiro 8 de agosto no río Deva, no concello da Cañiza, esgotáronse en tan só 24 horas trala apertura este luns do prazo de inscrición, e tamén está completa a lista de agarda para o caso en que se produzan baixas.

Depo Auga está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e consiste en rutas guiadas de aproximadamente hora e media de duración polo río nunha táboa de paddle surf ou nun kayak. Ambas modalidades contan cada vez máis con maior número de afeccionados e son unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza.

“Depo Auga está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e consiste en rutas guiadas de aproximadamente hora e media de duración polo río”

Das 104 prazas ofertadas para esta actividade no río Deva, 56 son para kayak e 48 para a modalidade paddle surf, que se distribúen nun total de catro quendas (14 persoas no caso do kayak e 12 no paddle surf en cada unha).

Despois desta primeira ruta, haberá unha segunda co mesmo número de prazas o 28 de agosto no río Miño ao seu paso polo concello das Neves, para a que as persoas interesadas poderán inscribirse a partir do 9 de agosto.

“Poden participar grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor”

Poden participar grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa, apuntarse nunha das catro quendas que se ofertan por día e entregaráselles todo o material necesario para as actividades.