E.D. Fútsal de Ponteareas, campión infantil

Con todos os partidos gañados, un fito histórico

Ponteareas | O fútbol sala ponteareán atópase nun momento de grande esplendor, cun crecemento notábel e grandes logros por parte das e dos deportistas de base. Un bo momento de forma que ratifica a última fazaña do Fútbol en 40×20 Restaurante Castelo da Escola Deportiva de Fútsal, que se proclamou campión da liga galega na categoría infantil.

E fíxoo cun fito histórico: ser campións con todos os partidos gañados, algo que ningún equipo conseguira nesta categoría nos sete anos que o fútbol sala leva integrado na Federación Galega de Fútbol.

“É ilusionante ver o grande espertar deste deporte na nosa vila e os grandes resultados que está a obter. Contamos cunha gran cantidade de novos talentos que se están desenvolvendo e destacando nas súas categorías e que sabemos que levarán o nome de Ponteareas moi lonxe”, destacou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O equipo infantil disputou tamén a pasada fin de semana a semifinal polo campionato galego de clubs contra o Aringal O Parrulo de Ferrol, un encontro xogado no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino que a pesar de non acabar cun resultado positivo para os ponteareáns si deixou un gran sabor de boca polo gran traballo realizado na pista.

A estes fitos en equipo súmanse os acadados polos xogadores, como Fabio da Silva e Manuel Garrido, que foron subcampións de España coa selección galega de fútbol sala na categoría infantil. Por outra banda, xunto con Fabio e Manuel, Brais González e Héctor Costas convertéronse en subcampións de Galicia coa selección de Vigo de fútbol sala.

Miguel Bouzó felicitou ao equipo por todos estes éxitos e animou ao club e aos seus deportistas a seguir por este camiño de dedicación e paixón polo deporte, superándose cada día e deixando a súa pegada no mundo do fútbol sala. “Cada día demostran que con traballo duro e determinación poden acadarse grandes metas”, recalcou.