Deputación de Pontevedra recibiu a xogadores e adestrador do Cisne de balonmán xuvenil

Veñen de acadar o bronce no Europeo de Croacia

Pontevedra | Os tres xogadores do Cisne da selección española xuvenil de balonmán, Daniel Virulegio, Pablo González e Carlos Álvarez, estiveron este venres na Deputación para compartir o bronce acadado no Europeo Sub19 de Croacia, xunto ao seu adestrador Javier Fernández (Jabato), que tamén dirixiu o combinado nacional.

Chegaron acompañados polo presidente do club, Santi Picallo, e o presidente da Federación Galega, Bruno López.

O deputado amosoulles o apoio da institución e o orgullo de celebrar o resultado conseguido nesta última competición europea logo dun ano tan complicado por mor da pandemia, unhas felicitacións que xa lles manifestou no anterior encontro que tivo lugar no Palacete das Mendoza o pasado mes de xuño, tras proclamarse campións de España.

Ao mesmo tempo, resaltou o valor do balonmán na provincia para logo facerlles entrega duns libros como agasallo.

O extremo esquerdo, Carlos Álvarez, destacou  o esforzo levado a cabo polo equipo e por ter acadado un soño que xa é unha realidade. Pola súa banda, o adestrador, Javier Fernández, e o presidente do club, Santi Picallo, agradeceron o apoio amosado pola Deputación, resaltando o traballo dos xogadores e manifestando o seus desexos por seguir traballando duro e continuar na procura de novos talentos.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, enalteceu os valores que están a representar as novas promesas.