Deputación da Coruña destina 1 millón de euros á contratación de técnicos deportivos

Para Concellos de toda a provincia
A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán Cancelo, ao centro da imaxe.

Deputación da Coruña | Un ano máis, a Deputación da Coruña financia a contratación de técnicos deportivos nos concellos da provincia. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria oficial deste programa, que en 2022 está dotado cun orzamento de 1.000.000 euros.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán Cancelo, destacou que o programa “contribúe a xeración de emprego, pois permitiu durante 2021 a contratación de 70 técnicos deportivos nos concellos durante un período de un ano” e, ao mesmo tempo, serve para que os municipios coruñeses “podan desenvolver programacións deportivas de carácter profesional e estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores”, apuntou.

A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un período de un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros ao ano para aqueles municipios que opten pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa.

Os concellos poderán tamén optar por contratar técnicos superiores de FP en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.

O apretura do prazo de solicitudes para os concellos determinarase no anuncio da convocatoria deste programa na Base Nacional de Subvencións.

Autoprotección ante incendios forestais
No marco do proxecto europeo Gestión Forestal Conxunta para Prevención de Incendios en Territorio POCTEP (GEFRECON) a Deputación organiza xornadas formativas para a protección das masas forestais , en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Estas formacións desenvolveranse no concello das Pontes, no concello de Oleiros e de xeito telemático os días 21, 24 e 28 de xaneiro, respectivamente, co obxectivo principal de sensibilizar á poboación sobre os incendios e cales son as mellores prácticas a adoptar para a súa prevención. Con elas preténdese resolver un dos problemas antrópicos que xeran máis incendios e de maior virulencia, como é a falta de sensibilización e formación da poboación e distintos actores de cara a respectar o mantemento das masas forestais en bo estado.

As actividades terán unha duración de dúas horas en horario de tarde e os contidos abordaranse en diferentes bloques temáticos: a importancia da conservación dos bosques, o uso do lume polos humanos, o lume como elemento natural e ecolóxico nos ecosistemas, os factores que afectan á súa propagación e os tipos que existen, as accións na loita contra os incendios, así como consellos e recomendacións.

As inscricións realizaranse de xeito telemático a través da páxina web do CEIDA: http://www.ceida.org/gl/formacion-gl/xornadas-de-sensibilizacion-sobre-incendios-forestais-0

A Deputación, consciente da situación do monte galego e da necesidade de aportar os recursos para o axeitado mantemento e conservación das masas forestais organiza estas xornadas de formación e información da poboación en xeral e, en particular, destinadas á poboación do rural, xa que resulta clave debido á súa proximidade e vínculo cos espazos naturais.

Ademais, de cara a unha xestión conxunta e correcta de todas as masas forestais, aínda que estas actividades estean a se desenvolver na provincia da Coruña, o proxecto GEFRECON ten intención de implantalas noutras comunidades do país e incluso en Portugal de cara a mellorar a xestión forestal no conxunto do territorio peninsular.

Proxecto europeo GEFRECON
Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo GEFRECON, que se enmarca no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal (POCTEP) e está cofinanciado polo fondo FEDER.

O proxecto ten como obxectivo desenvolver accións conxuntas e innovadoras que reduzan o risco de incendios forestais no territorio POCTEP. Para conseguilo, búscase o desenvolvemento de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en auto protección e a promoción da creación de empresas forestais.

Máis información do proxecto en https://www.gefrecon.eu/.

Outros artigos