Consello Municipal de Deportes para O Pereiro

Para mellorar a xestión e planificación da súa oferta deportiva

O Pereiro de Aguiar | A Corporación municipal do Pereiro de Aguiar aprobou os estatutos do consello municipal de deportes para mellorar a xestión e planificación da cada vez máis grande oferta deportiva do concello.  “Órgano de participación, asesoramento e de adopción de acordos en materia deportiva, vai ser unha ferramenta de xestión deportiva para seguir aumentando a oferta que día a día da mostras da súa gran fortaleza e onde a práctica do deporte é un obxectivo estratéxico da acción de goberno local,” en palabras do alcalde Luis Menor.

Plan de emerxencia
Grazas a colaboración económica e ao aval metodolóxico da Xunta de Galicia o Pereiro conta xa co seu primeiro plan de emerxencias municipal fronte a situacións de Seca.

Trátase dun documento onde se abordan as fortalezas e as debilidades do sistema de abastecemento e permite adoptar decisións de xestión e de inversións en momentos claves neste eido marcado polo cambio climático e maior necesidade de auga polo crecemento do concello. “Unha ferramenta útil que facilitará a xestións do servizo esencial de abastecemento e que nos permite cumprir cunha obriga legal que deste modo se vei satisfeita” asegura o alcalde.

Labor dos carteiros
A labor do servizo postal universal é de salientar polo gran esforzo que fan día a día. As dificultades as que se enfrontan na súa actividade son grandes. “E máis nun concello como o noso rural, con moita dispersión dos seus veciños e en claro e continuo crecemento.

Moitas veces teñen cumprido mais alá das súas obrigas dando mostras de gran profesionalidade polo que o recoñecemento que promovemos dende o Concello e moi merecido e xusto,” asegura o rexidor Menor Pérez. “Agora que pronto van a contar con novas ferramentas: nova numeración dos inmobles e aplicación para xeolocalizar os mesmos é xusto este recoñecemento que entendemos debe vir tamén de todos os nosos veciños”, dixo o alcalde.

Arturo Baltar
A figura do xenial escultor é moi coñecida e admirada por todos. O que moitos non saben é que viviu no Pereiro os 40 últimos anos da súa vida ata o seu falecemento en 2017. Viviu no pobo de Cachamuíña ao lado da casa do Coronel liberador de Vigo. “Con este recoñecemento queremos resaltar a enorme vinculación do artista co Pereiro onde viviu a maior parte da súa vida. A declaración e acto público deste recoñecemento será anunciado e aberto a todos cantos queiran participar no mesmo,” segundo o alcalde.