CN Ponteareas de natación, campión por terceira vez consecutiva de liga máster

Tamén se coroou como gañador en todas as categorías no Campionato Galego de Inverno

Ponteareas | O Concello traslada os seus parabéns ao Club Natación Ponteareas pola súa destacada actuación esta tempada, na que revalidou título de campión de liga máster por terceiro ano consecutivo. Tras cinco xornadas de intensa competición, o equipo acumulou un total de 3.927,5 puntos, liderando con solidez e marcando distancia respecto aos seus competidores máis próximos, o CN Vigo Rías Baixas e o CN Escualos.

Un éxito que se completa co gran triunfo na Liga Máster, na que o club tamén se proclamou campión nas categorías masculina, feminina e conxunta durante o Campionato Galego de Inverno. Uns logros que, como destaca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, “reflicten o arduo traballo, dedicación e talento dos nadadores e nadadoras e o corpo técnico do club”.

O equipo xa ten novos retos no horizonte, xa que o vindeiro 3 e 4 de xuño competirá no Campionato Galego de Verán de Ourense, buscando manter o seu dominio nas piscinas. Ademais, o club prepárase para o emocionante Campionato Galego de Augas Abertas que se levará a cabo o 10 de xuño no río Tea.

Bouzó eloxiou o excelente momento que está a vivir o CN Ponteareas e transmitiu as súas felicitacións ao club por todos os seus logros. “É un orgullo ver todos os éxitos que colleita e que son froito do esforzo, dedicación, talento e paixón que todas e todos os seus integrantes poñen día a día”, salientou ao tempo que lle desexou moito éxito nos vindeiros desafíos.