Campionato de España de Radiocontrol Térmico en Tui

Este 3 e 4 de setembro nas augas do Río Miño

Tui | Este 3 e 4 de setembro celébrase en augas do río Miño en Tui, a carón da rúa Olímpicos tudenses, o Campionato de España de Radiocontrol Térmico organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Real Federación Española de Motonáutica e a Comandancia Naval do Miño.

Na presentación deste evento participaron este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, e o piloto galego Emilio Cadaveira.

No mesmo van participar 21 pilotos de Galicia, Valencia, Cantabria, Madrid, Castellón, Santander e Murcia en tres categorías 7,5 cc, 15 cc e 35 cc. O circuíto terá forma de M nunha caixa de 100 por 50 metros.

Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, salientaba na presentación que “para nós é un inmenso orgullo ser sede deste campionato. Ningún lugar mellor ca este para unha proba coma esta, porque aínda que a proba oficialmente se celebra no ámbito do Concello de Tui materialmente se realiza no Miño, e cando vimos a Tui vimos a un territorio que temos a inmensa fortuna e o inmenso privilexio de compartir cos nosos irmáns de Valença”.

Nese senso engadía que “ese carácter transfronteirizo lle da a todos os eventos, e coma non a unha proba tan importante coma esta un valor engadido”. Concluía que as persoas que veñen a disfrutar desta proba tamén teñen a oportunidade de disfrutar dun medio natural privilexiado e dun medio patrimonial único en Galicia e no país.

Pola súa banda o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, salientou coma esta é a terceira proba nacional de motonáutica que se celebra en Tui, amosando a vontade do Concello de Tui por seguir apostando por este tipo de eventos. Aproveitou para animar ao público a achegarse ao río a presenciar estas probas tanto o sábado coma o domingo.

Pola súa parte o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, agradeceu a “hospitalidade dun concello coma Tui”, un lugar no dicía “os deportes náuticos teñen gran valor”. Salientaba que un evento coma este “nos pon no mapa, e moita xente con ese pretexto se achega a Galicia, se acerca a Tui e descubre que hai unha gran hospitalidade, unha gran organización”. Con este campionato “temos a excusa perfecta para vir a Tui, facer turismo e mover a economía” dicía. O presidente da Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, amosou o agradecemento a todos os que fan posible a realización deste campionato, en especial ao Concello de Tui sen cuxo apoio non sería posible a celebración do Campionato. Remataba a súa intervención salientando que “todos traballamos e colaboramos por unha palabra: deporte”.

Un dos pilotos galegos que participará neste campionato é Emilio Cadaveira, un referente no mundo da motonáutica, quen reiteraba o agradecemento ao Concello de Tui polas facilidades e a acollida para facer a proba. Salientaba que “trataremos de dar o mellor espectáculo deportivo que se poida”. O Campionato de España de Radiocontrol Térmico comezará o sábado cos adestramentos libres a partir das 10.30 h. A primeira manga disputarase ás 12.45 h, e a segunda ás 17.45 h. O domingo os adestramentos comezará as 9 h, e a terceira manga será ás 10.45 h. A entrega de trofeo está prevista ás 12.30 h.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos