Ascenso agridoce a Terceira División do Juvenil de Ponteareas

"Venceu" a un Gran Peña diminuído pola COVID e as decisións federativas

Ponteareas | O Juvenil de Ponteareas completou o seu ascenso de Preferente á Terceira División ante un Gran Peña vigués afectado polas secuelas da pandemia (oito dos seus xogadores estaban con COVID, segundo comunicou o club) e pola decisión da Federación Galega de Fútbol de finalizar a temporada no campo.

Oito minutos de xogo bastaron para completar un ascenso con sabor agridoce. O Gran Peña acudiu ao campo de Pardellas (Ponteareas) con só nove xogadores e portando unha pancarta de protesta (“A Nosa Saúde non Importa”) motivada polas condicións nas que deberon afrontar este partido, determinado pola referida decisión federativa.

De feito, os vigueses cumpriron co trámite deixándose anotar un gol do Juvenil e simulando a lesión de tres xogadores unha vez comezado o xogo, para quedar así na regramentaria inferioridade numérica que lles imposibilitaba continuar co partido.

Os xogadores do Gran Peña portan a pancarta de protesta.

O parte arbitral realizado polo árbitro principal Francisco Javier Rodríguez Campos, referiu a surrealista situación indicando que “os xogadores e algúns directivos do Gran Peña F.C portaron dúas pancartas, entre cuxos lemas puiden ler ‘Saúde Importa’, ‘Federación corrupta’ e ‘FGFMafia”.

Indicou o parte arbitral que estes xogadores saltaron ao campo “coas mans atadas a cordas”, procedendo a “sentarse no terreo de xogo” unha vez o balón estivo en movemento no saque inicial e tras enviar o esférico ao saque de banda. Foi así como o Juvenil anotou ao minuto 2 o tanto por obra do seu xogador Cora, e que lle deu oficialmente o ascenso a Terceira División.

Ante esta situación, o numeroso público que asistiu ao campo de Pardellas despediu entre aplausos aos xogadores e directivos do Gran Peña, toda vez o Juvenil logrou o ansiado ascenso en condicións incómodas nas que seguramente ningún deles agardaba.