As Neves recibe a dous medallistas europeos de bádminton

Trátase de Lucía Rodríguez e Basilio Porto

As Neves | Os dous deportistas do Club de Bádminton Suflenorsa As Neves, recibiron os parabéns da Corporación Municipal, representada polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, os dous tenentes de alcalde, Marcelino Couto e Óscar González, e a concelleira de Mocidade, Rocío Barreiro.

Lucía Rodríguez acadou o ouro, que supón o campionato europeo en dobre feminino, xunto a Nikol Carulla, e a medalla de bronce por equipos, o mesmo que Basilio Porto, como integrantes da Selección española.

Os dous adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra, no que compatibilizan a preparación para a competición cos seus estudos, no caso de Lucía, grao en Comunicación Audiovisual, e Basilio, 2º de Bacharelato.

Como explicaron durante a súa visita ao Concello, os adestramentos ocupan todos os días da semana, algúns deles ata 6 horas, e van aumentando de intensidade cando hai algunha cita especial, como o Campionato do Mundo Júnior, do 17 ao 30 de Outubro, en Santander, para o cal, como coñeceuse este mesmo mércores, foron convocados pola Selección española.