A Russian Ocean Way finaliza en Vigo a súa primeira etapa

Expedición para dar a volta ao mundo nun trimarán ata 2023
O presidente da Autoridade Portuaria dando a benvida á expedición rusa, cos navegantes Kovalevskiy e Berezkin ao centro da mesa.

Vigo | O trimarán ruso Russian Ocean Way, promovido pola Sociedade Xeográfica Rusa e pilotado polos navegantes Evgeny Kovalevskiy (xefe da expedición) e Stanislav Berezkin (patrón da embarcación), fixo en Vigo este 28 de agosto a parada que remata a súa primeira etapa dentro da proxecto internacional “Expedición Volta ao Mundo”, iniciada o pasado 1º de xullo en San Petersburgo, e pretende surcar cun trimarán os cincos océanos e 40 países ata o 2023.

A semana pasada, a expedición rusa tamén foi recibida no Concello da Coruña e O Vicedo, na Mariña lucense. En Vigo, Kovalevskiy e Berezkin aproveitarán para acondicionar o trimarán así como outros asuntos loxísticos da expedición. Da cidade olívica partirán cara Lisboa para continuar coa expedición.

En Vigo, os navegantes foron recibidos na dársena da Autoridade Portuaria polo seu presidente, Jesús Vázquez Almuiña, así como por outras autoridades como o Cónsul Honorario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño, a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e o Presidente da Asociación Translatio, Mario Cardama.

Foto de familia das autoridades e participantes na recepción á expedición rusa.

Á recepción tamén asistiron Álvaro de Marichalar Sáenz de Tejada, quen presentou o seu proxecto de volta ao mundo en moto acuática en conmemoración do V Centenario da primeira circunnavegación da Terra e o seu programa de colaboración coa expedición rusa; o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o conselleiro da Embaixada da Federación Rusa ante o Reino de España, Aleksandr Korchagin, e a presidenta da Asociación “Eslavos en Galicia”, Marina Bakhtina.

Durante a presentación do seu proxecto expedicionario, Kovalevskiy e Berezkin tamén estiveron acompañados por Yulia Kalyuzhnaya, membro da Comisión Federal da Sociedade Xeográfica Rusa, sendo eles tres orixinarios de Sibeira. Neste sentido, Kalyuzhnaya presentou o proxecto “Discover Siberia” aproveitando igualmente para dar a coñecer, a través dun vídeo, o apoio do presidente ruso Vladimir Putin a esta iniciativa .

Na súa intervención, Kovalevskiy, quen logrou falar con detreza nun español aprendido “á carreira” estes días, explicou que a expedición non só pretende dar a volta ao mundo en trimarán ata 2023 senón tamén busca “batir tres récords mundiais en nave inflable pegable”, sendo estes a volta ao mundo, a volta a Sudamérica e o récord de distancia de navegación con esta embarcación.

O trimarán da expedición Russian Ocean Way, amarrado fronte á Autoridade Portuaria de Vigo.

Kovalevskiy e Berezkin explicaron tamén os pormenores dunha expedición que “é a nosa forma de vida”, tal e como destacaron ámbolos dous, destacando igualmente o obxectivo desta expedición de establecer vínculos de cooperación con universidades e comunidades xeográficas nos países que serán visitados nas distintas etapas da súa viaxe.

Pola súa banda, o cónsul honorario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño, explicou que “a visita do trimarán ruso pon en relevancia a posición xeoestratéxica que teñen os portos galegos en Europa”, un aspecto no que destacou que Galicia “debería rendabilizar as inmensas oportunidades que trae consigo o tráfico marítimo” dentro da “ruta rusa do Ártico cara China, que acorta en máis de dez días os fletes entre China e Europa”.

O Cónsul Honrario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño, durante a súa intervención.

Os participantes que interviñeron neste acto coincidiron en salientar a contribución da Russian Ocean Way ao coñecemento xeográfico, á historia marítima e á preservación da paisaxe e medio ambiente, cualificando a Kovalevskiy e Berezkin como auténticos “heroes da navegación rusa”.