A institución provincial organizará a Copa Deputación da Coruña de Hockey Herba

Será en setembro na Coruña, Oleiros e Padrón

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña e a Federación Galega de Hóckey organizan a Copa Deputación da Coruña de Hockey Herba, importante evento deportivo dirixido á rapazada que se desenvolverá en tres localidades da provincia coruñesa. A deputada de Deportes, Cristina Capelán, recibiu esta semana na sede provincial ao responsable de Promoción da Federación Galega de Hóckey, Roberto Baratta, con quen tratou os pormenores do encontro co que se pretende impulsar este deporte na provincia e en Galicia.

“A través desta competición queremos fomentar e promocionar o hóckey herba desde as categorías máis baixas da provincia” indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán. “Dar apoio ás e aos deportistas coruñeses no seu desenvolvemento desde a base e situar o deporte galego na vangarda é un dos principais obxectivos da área da que son responsable”, destacou.

O evento desenvolverase entre o 15 de setembro e o 15 de outubro de 2021 nos campos da Coruña, Oleiros e Padrón e contará coas seguintes categorías:

Benxamín mixto (60% nenos e 40% nenas)
Alevín mixto (60% nenos e 40% nenas)
Infantil masculino
Infantil feminino

No encontro con Capelán, o responsable de Promoción da Federación Galega de Hockey, Roberto Baratta, expuxo tamén as diversas iniciativas que desde a entidade teñen pensado implantar na provincia para impulsar e devolver o arraigo que o hóckey herba tiña no pasado, chegando a ter un equipo en división de honra.