A Guarda recibe aos “olímpicos” Paula Arcos e Ignacio Prades tras participar en Tokio 2020+1

Ámbolos dous xogadora e adestrador do Atlético Guardés

A Guarda | Na mañá deste mércores día 18 de agosto de 2021 o Concello da Guarda realizou unha recepción oficial a Paula Arcos e a Ignacio Prades despois da súa participación nos pasados JJOO de Tokio.

Tal e como manifestou Antonio Lomba, para a vila da Guarda é todo un orgullo e satisfacción contar con figuras tan representativas no eido deportivo que levan o nome da Guarda polo mundo adiante.

Montserrat Magallanes quixo agradecer o enorme esforzo que supón traballar nun equipo de élite como é o Atlético Guardés e o ter participado nuns xogos olímpicos, un feito que, sen dúbida, quedará marcado nas súas vidas.

Asinando a camiseta oficial da selección olímpica española como agasallo para o Concello guardés.

Para rematar esta recepción o Alcalde e a Concelleira de Deportes fixeron entrega dun ramo de flores e dunha placa representativa da vila, realizada pola Asociación local Avelaíña. Pola súa banda dende o Atlético Guardés fixeron entrega ao Concello da Guarda dunha camiseta oficial da selección española, que tamén aproveitaron para firmar e deixar unha dedicatoria “Para el Concello de A Guarda en agradecimiento por todo su apoyo en los JJOO Tokio 2020+1”.