A Guarda fomenta a práctica do baloncesto

Tomando en conta o crecente interese da mocidade guardesa

A Guarda | O Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes, ven de realizar este mércores unha reunión para fomentar e impulsar a práctica do deporte do baloncesto na vila, un deporte que amosa un forte incremento e que conta cun clube local.

A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, avanzou nesta reunión o total apoio do consistorio local para que a práctica deste deporte continúe o seu crecemento, insistindo na necesidade de crear canteira, rapaces e rapazas xoves que se inicien nesta práctica deportiva para poder facer un bo grupo e que o clube local teña equipos suficientes para poder participar en competicións e realizar campionatos ao longo do ano.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, indicou na súa intervención, que dende o grupo de goberno municipal xa se tentou en varias ocasións potenciar a práctica deste deporte na vila, e considera que este é un bo momento para relanzar o clube local, posto que se conta cun bo adestrador e con moitas gañas e ilusión por traballar nesta nova etapa do clube.

Dende o Concello da Guarda faise un chamamento a rapaces e rapazas para que se inicien na práctica deste deporte, que mellora a coordinación, a habilidade locomotriz, aumenta a resistencia, mellora a axilidade, entre outros tantos beneficios. Todas as persoas interesadas en iniciarse no baloncesto na Guarda poden contactar con Rubén, que é o adestrador, a través do teléfono 650.67.29.14 (Whatsapp).