A Deputación de Ourense patrocina o filme “As Augas” da directora ourensá Ledicia Sola

Será gravado en Muíños, Verín e Ourense

Muíños | A Deputación de Ourense é unha das entidades patrocinadoras do filme “As Augas”, ópera prima da actriz e directora ourensá Ledicia Sola que hoxe comeza a rodarse en Muíños. O presidente provincial, Luís Menor, participou no Centro de Interpretación do Corgo, en Muíños, na presentación do inicio da rodaxe deste proxecto “netamente ourensá”.

A colaboración da Deputación con este filme enmárcase na liña de aposta pola “cultura e identidade da nosa provincia” que contribúen ao desenvolvemento social, económico e turístico da mesma, dixo Luís Menor, quen afirmou que o goberno provincial debe estar “á altura do talento cultural ourensán, como o que hoxe está aquí”.

“Con este novo proxecto que impulsamos desde a Deputación, poñemos en valor a creatividade ourensá á vez que contribuímos a seguir mantendo a Ourense como referente no mundo da cultura promocionando esa imaxe de “Ourense cultural” que é froito de moitos anos de traballo, de crenza nos nosos e de aposta polos que nos levaron ata onde hoxe estamos: no mellor plató de cine do mundo”, explicou o presidente provincial.

“As Augas” será rodado na meirande parte en Muíños, pero tamén chegará aos concellos de Verín e de Ourense e estará protagonizado pola propia Ledicia Sola, Melania Cruz, Marta Larralde e Lidia Veiga. Xunto a elas estará o actor verinés Toni Salgado.

“As augas” é un proxecto que será rodado integramente en Ourense, con temática netamente ourensá, escrita e dirixida por unha ourensá, polo tanto, “a mestura é perfecta”, asegurou Luis Menor quen destacou que “As Augas” emana “ourensanía por todos os costados que amosa “non só o talento desta terra, senón que os mellores embaixadores da mesma son as nosas xentes”.

Na rolda de prensa tamén participaron o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; a directora do filme, Ledicia Sola; os produtores do filme, Alfonso Zarauza e Dani Froiz; e Montse Besada como representante da TVG, así como representantes institucionais de entidades privadas que tamén colaboran con este proxecto audiovisual.

O filme está financiado pola Deputación de Ourense, Agadic e a CSAG (TVG) e coproducido por Maruxiña Film Company e Matriuska Films, dúas das produtoras máis prestixiosas e premiadas de Galicia responsables de títulos coma Ons, Matria, Os Fenómenos, Las altas presiones ou Malencolía e conta co patrocinio de Estrella de Galicia/Aguas Cabreiroá e Gargalo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.