A Coruña celebrou o seu primeiro pleno ordinario do Consello Municipal de Deportes

Diferentes entidades da cidade asistiron á sesión e expuxeron as súas propostas  
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presidiu o primeiro pleno ordinario do Consello Municipal de Deportes.

A Coruña | A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presidiu esta tarde o primeiro pleno ordinario do Consello Municipal de Deportes. Trátase dun órgano de participación cidadá sectorial no ámbito deportivo e con carácter consultivo impulsado polo goberno de Inés Rey. Xunto á concelleira, presidiron a sesión o secretario do Consello, Pablo Castedo, e o vicepresidente segundo, Fernando Blanco.

Á sesión asistiron diferentes asociacións e entidades do tecido deportivo municipal, que puideron expoñer as súas propostas, necesidades e demandas directamente ao goberno local.

“Queremos agradecervos a implicación desde o primeiro momento para acompañar nos seus pasos iniciais a este incipiente Consello Municipal do Deporte, pero especialmente a todas estas entidades que empezaron a traballar xa nos meses de verán e que aos poucos foron artellando as primeiras ideas que agora traemos a este primeiro pleno ordinario”, agradeceu Mónica Martínez.

IX Torneo Eixo Atlántico de Hóckey sobre Patíns
Noutra orde de ideas, o Pazo dos Deportes da Coruña acolleu esta mañá a presentación do IX Trofeo Eixo Atlántico de Hóckey sobre Patíns. Esta competición está organizada pola Concellaría de Deportes e Eixo Atlántico e reunirá nas cidades a algunhas das mellores canteiras do hóckey galego e portugués.

Este torneo de categoría infantil regresa tras a obrigada pausa do ano pasado pola pandemia. “Recuperamos pois o xa consolidado Torneo, non só como un referente deportivo para a modalidade do Hóckey Patíns, senón tamén como ferramenta para transmitir os valores do Eixo Atlántico e o acercamento e intercambio de experiencias tanto persoais como deportivas, entre os diferentes equipos da eurorrexión”, sinalou Mónica Martínez.

O Pazo dos Deportes da Coruña acolleu a presentación do IX Trofeo Eixo Atlántico de Hóckey sobre Patíns.

No sorteo do torneo participou César Carballeira, xogador do Liceo e campión de Europa coa selección española. O grupo A estará formado polo ACD Gulpilhares (Vila Nova de Gaia), Deportivo Liceo e Académico (Porto). O grupo B estará formado polo Compañía de María, CH dos Carvalhos (Vila Nova de Gaia) e Escola Lubiáns (Carballo). O grupo C inclúe a AD Valongo (Valongo), CH Compostela e HC Ferrol. Por último, o grupo D estará formado por Dominicos, Riba de Ave (Vila Nova de Famalicao) e CA Bragança (Bragança). Os dous primeiros grupos disputarán os seus partidos en Riazor e os dous últimos en Montealto.

“Gústanos este torneo porque sae da base, é unha proposta dos clubs coruñeses. O hóckey é marca de imaxe da Coruña. É un proxecto da cidade”, sinalou por outra banda Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico. Tamén asistiron Miguel García Feijóo, xerente da Federación Galega de Patinaxe; José Luis Otero, presidente da Asociación Coruñesa de Hockey sobre Patíns; e Josep Sellas, técnico do Compañía de María e elixido mellor adestrador da Eurockey Cup.

Os partidos comezarán ás 10.00 horas do sábado. A xornada final será o domingo no Pazo dos Deportes de Riazor a partir das 9.00 horas. A final está previsto que se dispute ás 16.00 horas.