A alcaldesa de Lugo felicitou ao Club Baloncesto Breogán polo seu ascenso á liga ACB

Xogadores e equipo técnico saudaron á afección dende o balcón da Casa Consistorial

Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, ofreceu unha recepción oficial ao Club Baloncesto Breogán para trasladarlle a todo o equipo os parabéns da cidadanía polo seu ascenso á Liga ACB.

Ante os centenares de seguidores que se achegaron á praza Maior, a rexedora, acompañada polo edil de Deportes, Mauricio Repetto e polos portavoces da Corporación Municipal, a rexedora felicitou a directivos, técnicos e xogadores e alabou o traballo realizado durante toda a tempada para acadar o salto á máxima categoría do baloncesto español.

“É un orgullo para a cidade contar cun equipo loitador como o Breogán e poder dicir que todo o esforzo realizado durante tantos meses, e nunhas circunstancias ademais tan complexas, ten agora o seu recoñecemento. Un logro que as e os lucenses recibimos con moita satisfacción, porque é a compensación a unha entrega, un labor conxunto e un sentimento que tamén nos define e nos une como lucenses e que fará, ademais, que que o nome da nosa cidade resoe agora con máis forza en todo o país”, afirmou a rexedora.

“É un orgullo para a cidade contar cun equipo loitador como o Breogán e poder dicir que todo o esforzo realizado durante tantos meses, e nunhas circunstancias ademais tan complexas, ten agora o seu recoñecemento”

Lara Méndez amosou o apoio do Concello non só ao deporte de élite, senón tamén ao de base e pediulle aos xogadores do primeiro equipo que non esquezan que eles son espello da mocidade lucense, “cando a rapazada ve a camiseta do Breogán, tan ben defendida, o que atopan é un modelo a seguir e uns valores de superación que son os que vos permitiron camiñar toda a tempada con paso forte e decidido ata chegar á meta acadada onte”.

A modo de recordo, a alcaldesa entregou ao presidente do equipo, xogadores e corpo técnico un pin de plata da Muralla, así como un libro sobre o patrimonio bimilenario lucense.