A 15k do Atlántico regresa este 3 de outubro

Con 700 participantes para correr o traxecto entre Oia e A Guarda
O alcalde guardés Antonio Lomba (dereita) durante a presentación da 15K do Atlántico.

A Guarda | A VIII 15K do Atlántico Banco Mediolanum, que terá lugar o próximo domingo con saída en Oia e chegada na Guarda co paso polo Rosal, entra nunha nova dimensión e da un empuxón máis para o “regreso á nova normalidade deportiva”. “O deporte é saúde”, coincidiron en firmar todos os presentes no acto de presentación da proba deportiva na mañá deste martes no Porto da Guarda. Serán, como é habitual, 15 quilómetros de percorrido.

“Doarase un euro por cada inscrito para a Asociación Bicos de Papel, a través do proxecto solidario de Banco Mediolanum”

Ademais, organizouse unha andaina na que poderán participar 100 persoas. Doarase un euro por cada inscrito para a Asociación Bicos de Papel, a través do proxecto solidario de Banco Mediolanum. Ademais, abriuse un reto solidario na plataforma “Mi Grano de Arena” para sumar máis doazóns.

Serán 600 os participantes e aínda queda algunha praza libre. A saída terá lugar ás 11 da mañá e o protocolo sanitario que se aplicará será o de facer saídas separadas no tempo. Realizaranse en grupos e cun intervalo de 30 segundos entre eles. Serafín Martínez, director deportivo da proba, sinalou que “esta carreira está consolidada e iso é moi importante.

Chegar á oitava edición non é doado e é vital o apoio que se recibe, tanto de dos deportistas como dos patrocinadores”. Tamén desvelou que o percorrido tradicional sufrirá unha lixeira modificación no tramo inicial.

As institucións públicas tamén apostaron pola 15K Atlántico Banco Mediolanum, tal e como fixeron dende a primeira edición. Cristina Correa, alcaldesa de Oia, resaltou que “a saída será nun escenario único: un mosteiro ao carón do mar. Isto xa convirte a proba en moi especial para nos”.  Pola súa parte, Anxela Fernández, alcaldesa do Rosal, insistiu que “esta proba é unha gran experiencia deportiva cunha zona con parte de costa”. Pola súa parte, Antonio Lomba, alcalde da Guarda, insistiu en que “é un día para gozar e é un novo paso máis para o regreso á normalidade”.

“As institucións públicas tamén apostaron pola 15K Atlántico Banco Mediolanum, tal e como fixeron dende a primeira edición”

Ivonne Pousa, manager territorial da zona norte de Banco Mediolanum, recordou os inicios da proba, cando se realizou un gran esforzo para sacala adiante: “Foi un esforzo moi importante, pero mereceu moito a pena. A filosofía mantense vixente e ademais trasladouse a outras competicións similares noutros lugares de Galicia”.

Nesta edición, a través do proxecto solidario Mediolanum Aproxima, colaborarase con Bicos de Papel, asociación que axuda aos nenos oncolóxicos co fin de apoialos e axudarlles na súa reinserción escolar. Ademais, a Delegación da Fundación Mediolanum duplicará as doazóns acadadas, entre 2.000€ y 5.000€.

A VIII Atlántico Banco Mediolanum, que conta co apoio dos concellos polos que transcorre a proba, da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e Froiz, tamén ten coma un dos seus obxectivos a promoción do Camiño Portugués pola Costa, un gran atractivo turístico. Os 600 atletas farán o percorrido polos espectaculares escenarios nunha proba xa considerada como emblemática.