500 deportistas daranse cita no “V Trail Ribeira Sacra”

Procedentes de 12 provincias españolas e de 3 rexións portuguesas
O evento celebrarase o vindeiro domingo, 10 de outubro, no municipio de Nogueira de Ramuín, coa participación de 500 deportistas procedentes de 12 provincias españolas e de 3 rexións portuguesas.

Ourense | A V edición do “Trail Ribeira Sacra”, reunirá o vindeiro domingo, 10 de outubro, no municipio de Nogueira de Ramuín, a 500 deportistas procedentes de 12 provincias españolas e de 3 rexións portuguesas, logo de cubrir todas as prazas ofertadas en nove horas e media.

A presentación da proba deportiva tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, César Parente e Raúl Soto, respectivamente, e o presidente do Club Grupo Cuevas Nogueira Trail, Diego Novelle.

Esta proba de montaña, que logrou reunir nas súas catro edicións anteriores a 1.600 persoas, é unha experiencia única para coñecer un espazo natural de orixinal beleza onde conflúen o Miño e o Sil e o importante legado histórico e monumental que fan deste lugar un entorno privilexiado.

Coa celebración do “Trail Ribeira Sacra” preténdese fomentar a práctica do deporte e o benestar que isto representa para a saúde e, así mesmo, potenciar a imaxe da Ribeira Sacra dun modo diferente, contribuíndo ademais a dinamizar a vida social e económica de Nogueira de Ramuín, territorio que mestura á perfección natureza, tradición e gastronomía.

A proba de montaña ofrece aos participantes dous posibles percorridos: un de 24 km e cun desnivel positivo de 1.500 metros, e outro de 47 km e un desnivel positivo de 3.300. A praza de Luíntra será lugar de saída e chegada para ambas distancias. Os corredores participantes no percorrido de 24 km sairán ás 10.00 horas e os do percorrido de longa distancia ás 8.00 horas. Ao remate da proba terá lugar a entrega de premios na que se obsequiará, cun trofeo de artesanía galega realizado por un mestre oleiro da Ribeira Sacra, aos tres primeiros clasificados de cada categoría, ao club con máis participantes, e ao corredor máis lonxevo.

Pola súa parte, o xornal La Región outorgará premios ao mellor corredor masculino e feminino de cada percorrido. Asemade, celebrarase un acto en homenaxe a Roberto Soto, para recoñecer e agradecer a súa colaboración e traballo con esta proba.