Xulio Ferreiro presenta o novo servizo de préstamo de libros en Novo Mesoiro

A Coruña |O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta tarde no Centro Cívico de Novo Mesoiro o novo punto de Servizo de Préstamos das Bibliotecas Municipais no barrio, e a programación cultural específica asociada ao mesmo. O rexedor, que estivo acompañado polo edil de Culturas, José Manuel Sande, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, lembrou que este servizo nace como resultado do proceso participativo levado a cabo no barrio, á fin de coñecer as necesidades culturais da veciñanza.

“Este é un día de futuro e de democracia, xa que damos cumprimento a unha vella demanda de Novo Mesoiro, a de contar con recursos que faciliten o acceso a cultura, ao saber, e ao coñecemento. Hoxe é tamén un día de esperanza, porque non hai nada máis gratificante que poder dar resposta a un pobo que pide saber máis e estar máis preparado”, sinalou Ferreiro, quen salientou que a inauguración do novo servizo de préstamo de libros neste punto da cidade no Día Internacional das Bibliotecas “é fiel reflexo de que esta cidade avanza, medra e progresa, da man da súa veciñanza”.