Tui terá en 2018 un orzamento de 8,1 millóns de euros

O investimento cuadriplícase até os 200 mil euros. A contas serán levadas a pleno o próximo xoves para a súa aprobación

Tui | O proxecto definitivo de orzamentos xerais do concello de Tui para 2018 ascende a 8.173.010,32€. Trátase dun orzamentos serios, realistas, expansivos e responsables cos que queren crear as bases para unha organización máis eficiente no concello. Así o expuxo esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, en rolda de prensa, acompañado polos membro do equipo de goberno Antonio Castro, Mila González, Eduardo Freiría, Estrella Carmen Muradas e Mª Jesús da Silva. As contas municipais serán levadas ao pleno ordinario do próximo xoves 22 de febreiro.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, explicaba que estas contas non están pensadas no curto prazo senón en sentar as bases para crear unha organización máis eficiente no concello, ao que foron elaboradas coa máxima responsabilidade do uso dos recursos públicos.

A contía dos orzamentos increméntase en 500 mil euros con respecto aos de 2016 – que están arestora prorrogados – un incremento que se produce segundo Carlos Vázquez pese a derogación do imposto da plusvalía e derivado da actualización dos padróns do IBI e do Imposto de Tracción Mecánica.
O rexedor destacou o esforzo investidor que pasa dos 45.081€ dos orzamentos de 2016 aos 218.136€ previstos para este ano. Destiranse á sinalización do rural, adquisición de colectores de recollida selectiva, renovación das luminarias no conxunto histórico, a melloras no acceso ao Monte das Penizas, e á posta en marcha dunha Plataforma de Participación Cidadá on-line, que era un dos puntos que recollida o acordo programático do goberno municipal.

O capítulo de persoal, que ascende a 3.638.291,65€ baixa lixeramente pola normativa estatal que marca reducción nas aportacións á Seguridade Social, e porque o 1% de incremento salarial pasa a contabilizarse como Fondo de Continxencia. En persoal contemplan o paso de laboral a funcionario dunha praza de traballador social, e outra de operario do punto limpo, a actualización da Relación de Postos de Traballo e a creación de tres prazas de intérprete de patrimonio, auxiliar de turismo e auxiliar da ARI.

Estes orzamentos son os primeiros dicía Carlos Vázque Padín en colocar o patrimonio e o seu aproveitamento económico no seu eixo vertebrador, o que sinalaba coma unha novidade histórica que “situa a importancia do noso patrimonio e o seu aproveitamento a través do turismo nun eixo vertebrador do propio orzamento”. Precisamente no eido turístico destinaranse 18 mil euros á redacción dun Plan Director de Turismo que marque as liñas estratéxicas do turismo na cidade e serva de folla de ruta clara para actuar. Hai tamén unha aposta importante por Cultura e Deporte, e coma outra novidade histórica que por vez primeira se contempla unha partida específica ( 80 mil euros) para as festas de San Telmo e para o Pacto de Tui (30 mil euros) a celebrar no mes de xullo.

Sentar as bases para o futuro Plan de Emerxencias Municipal, o incremento significativo da partida para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (35 mil euros) e a creación dun programa de Prevención e Extinción de Incendios ( 5 mil euros) veñen tamén recollidos nos orzamentos. Outros aspectos destacados polo alcalde foron a partida para a redacción dos plegos para o servizo de subministro eléctrico, co que se busca mellorar na eficiencia do servizo, e a adaptación á Lei de Protección de Datos.

Por outra parte explicou que en deportes axustouse o orzamento ao calendario deportivo real que se leva a cabo, e en subvencións modificouse o apartado para as ANPAS fixando un criterio obxectivo para o reparto baseado no número do alumnado de Primaria en cada centro, facéndose un reequilibrio á alza.